saltar ao contido

Moción aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de abril de 2022

4.2 33475 (11/MOC-000095)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana
Sobre a situación do sector pesqueiro (Moción a consecuencia da Interpelación doc. núm. 32289, publicada no BOPG núm. 296, do 23 de marzo de 2022, e debatida na sesión plenaria do 4 de abril de 2022)
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 306, do 12.04.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1.- Demandar do Estado español, sen menoscabo doutras actuacións que se consideren:
 
- A rebaixa dos produtos do mar ao tipo superreducido do 4% de forma permanente, tal e como demanda a propia OMS.
 
- As actuacións necesarias para a paralización sine die de todas as normativas europeas e internacionais que se están poñendo, ou se pretenden poñer, en marcha. Nomeadamente, a revisión da Directiva de Tributación da Enerxía e o paquete de medidas denominado Fit-For 55, así como o Programa de Acción Medioambiental de UE para 2030 e o probable acordo da OMC sobre a eliminación dos subsidios pesqueiros.
 
- A exención temporal mentres se manteña a excepcionalidade da situación actual das cotizacións á Seguridade Social.
 
- A exención temporal mentres se manteña a excepcionalidade da situación actual do pago de todas as taxas portuarias que se aplican ás distintas frotas nos portos do Estado ubicados en Galicia.
 
- Topar o combustible pesqueiro, tal e como demanda o sector, a 40 cts./l.
 
2.- Levar a cabo, sen menoscabo doutras actuacións que se consideren:
 
- A exoneración das taxas portuarias por servizos administrativos, profesionais e por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia mentres se manteña a excepcionalidade da situación actual.

- Axudas temporais, directas e urxentes que complementen as aprobadas polo Goberno español no Real Decreto-Lei 6/2022 e minimicen as consecuencias derivadas da crise actual.”

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina