saltar ao contido

Santalices subliña os vínculos da Coruña co movemento autonomista e o sentimento galeguista

• A exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia/ 1981-2021” chega á Coruña, onde poderá visitarse na sala da exposicións de Afundación ata o 27 de maio
 
• Levar esta mostra á Coruña resultaba “imprescindible”, segundo o presidente do Parlamento, dada a transcendencia da cidade, “dinámica e sempre á vangarda; cosmopolita e, ao tempo, profundamente galega e española”
 
• A mostra foi comisariada por Ramón Villares Paz, en colaboración con Miguel Anxo Seixas Seoane, Gustavo Hervella García e Xosé Díaz Arias
 
• A exposición ten carácter itinerante e visitará as diferentes cidades galegas, ao tempo que se editará un libro que complemente a mostra

Santiago, 27 de abril de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu esta tarde o acto de inauguración da mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021”, aberta ao público na sala de exposicións e Afundación da Coruña ata o vindeiro 27 de maio. A mostra fai un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega. O acto contou coa asistencia de diferentes personalidades, como o presidente da Afundación, Miguel Ángel Escotet.
 
Santalices amosou o seu agradecemento a Afundación por acoller esta exposición, como ten feito previamente noutros lugares con actividades organizadas polo Parlamento. Expresou tamén a  vocación de itinerancia desta mostra, que visitará as restantes cidades galegas. De forma paralela, editarase un libro que fará repaso ás catro décadas de historia autonómica de Galicia.
 
Sentimento autonomista e galeguista
 
A xuízo de Santalices, levar esta mostra á Coruña resultaba “imprescindible”, dada a transcendencia da cidade herculina, “dinámica e sempre á vangarda; cosmopolita e, ao tempo, profundamente galega e española”.
 
Recordou Santalices que A Coruña é unha urbe “intimamente vinculada ao movemento autonomista e ao sentimento galeguista”, citando, entre outros exemplos, o nacemento do Himno Galego nun certame musical presidido por Pascual Veiga en 1890; ou o feito de que o Concello da Coruña fose o primeiro en acoller unha intervención dun edil en galego, a de Luis Peña Novo na súa toma de posesión como concelleiro en 1920.
 
Apuntou que “a autonomía galega, que celebra os seus 40 anos, tampouco se explica sen as achegas da Coruña”, como a asemblea celebrada en 1931 para discutir os borradores do estatuto de Autonomía, ou a intensa mobilización social rexistrada na cidade, coa manifestación máis concorrida de Galicia, contra o “Estatuto da aldraxe”, en decembro de 1979.
 
A autonomía, unha historia de éxito colectivo
Na súa intervención, Santalices sinalou que estes 40 anos de autonomía son unha historia de éxito colectivo, que se traducen nunha comunidade próspera, cunha elevada calidade de vida e uns servizos públicos satisfactorios; orgullosa de si mesma e os seus sinais de identidade; plenamente integrada na España constitucional e democrática; plenamente inserida, de feito e por dereito, nunha Europa que volve estar á altura das circunstancias, como xa o estivo desde os inicios da pandemia; e orgullosa dos seus vínculos coa Galicia da emigración e co mundo da lusofonía.
 
Para o presidente do Lexislativo galego, boa parte dos avances postos a disposición das galegas e galegos nas últimas décadas son consecuencia directa da autonomía política que Galicia exerce con responsabilidade desde hai 40 anos, co Parlamento como primeira institución. Deste modo, recordou que nada de canto acontece en Galicia resulta alleo ao seu Parlamento.
 
O Parlamento, eixe da democracia
 
Santalices insistiu na importancia do Parlamento como eixe da vida política e recordou que “pode haber goberno sen Parlamento, pero non pode haber democracia sen Parlamento”.
 
Reforzar o contacto coa xente
 
Xustificou Santalices a importancia desta mostra, polo elevado descoñecemento que rodea á primeira institución de Galicia, o que obriga a potenciar o contacto coa xente a través dun amplo abano de medidas nas que se integra esta exposición, xunto a outras como as visitas escolares do Parlamento, as ferramentas de participación cidadá ou a programación cultural da Cámara.
 
A mostra inaugurada esta tarde na Coruña, concibida para rememorar as catro décadas de vida do Parlamento de Galicia, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina