saltar ao contido

Acordos da Comisión 8ª., Pesca e Marisqueo, celebrada o 3 de maio de 2022

A  Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 3 de maio de 2022, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións

 
- 33625 (11/PNC-003053)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 14 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España para que determinados buques poidan ser beneficiarios da rebaixa dos vinte céntimos no prezo do combustible
BOPG n.º 307, do 13.04.2022
 
Sométese a votación separada por puntos:
Puntos 1 e 3: resultan aprobados pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
Punto 2: resulta aprobado por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:

1º- Que se habiliten as medidas pertinentes para que os buques galegos e españois que faenen en augas internacionais ou fóra da Zona Económica Exclusiva (ZEE) española poidan ser beneficiarios da rebaixa dos 20 céntimos cando boten combustible en portos estranxeiros coa mediación ou intervención directa de operadores loxísticos ou subministradores españois de hidrocarburos.

2º- Que unha vez cumprida a anterior medida, que tamén sexa de aplicación esta rebaixa no combustible aos buques que fagan con habitualidade descargas e aprovisionamento en Galicia.

3º- Que se articulen medidas efectivas para que esta bonificación no prezo do combustible non sexa de aplicación a buques que, baixo bandeira de conveniencia ou con estándares sociais, económicos ou ambientais inferiores aos da UE, poidan repoñer combustible en portos españois
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 25321 (11/PNC-002376)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e Otero Rodríguez, Patricia
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación cos problemas xerados entre bateeiros e percebeiros pola extracción de mexilla
BOPG n.º 236, do 01.12.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12  deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

1. Garantir o cumprimento dos acordos adoptados nas diferentes mesas de diálogo abertas cos sectores implicados, bilateral ou multilateralmente.

2. Entregar na Cámara galega copia dos informes e documentos científicos nos que se basea a decisión da Consellería de restrinxir a extracción de mexilla nas costas galegas, así como dunha proposta de avaliación das medidas que permita establecer criterios técnicos para as decisións a seguir sobre limitacións ou aperturas.”
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 33501 (11/PNC-003041)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Fernández Alfonzo, Ramón e Pérez Fernández, Rosana
Sobre as medidas que debe tomar a Xunta de Galicia para recuperar a produción marisqueira da ría de Ferrol
BOPG n.º 307, do 13.04.2022
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a:

1. Impulsar e liderar as reunións coas confrarías da ría e coas outras administracións con competencias na ría de Ferrol.

2. Impulsar e asumir o custe da elaboración do informe ou estudos precisos para determinar as causas da caída da produción marisqueira na ría de Ferrol, tendo especial preocupación polo coñecemento da situación dos fondos mariños para os efectos produtivos, das correntes, ou dos efectos de decisións tomadas pola propia Consellaría como a introdución de especies foráneas, a baixa da talla comercial, ou a sobre explotación dos bancos.

3. Encargar á estación de bioloxía mariña da Graña, pertencente á USC, a realización destes ou calquera outro informe sobre a situación da ría de Ferrol.”

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina