saltar ao contido

O Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura organizarán unha exposición itinerante cunha escolma da colección de arte da Cámara

• A mostra, temporal e itinerante, percorrerá seis cidades e as principais vilas galegas, ademais de Madrid, sen descartar outros puntos do exterior con elevada presenza galega
• Será comisariada pola Real Academia Galega de Belas Artes

Santiago, 30 de maio de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, Román Rodríguez González, asinaron este mediodía un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha exposición temporal e itinerante que, baixo o título Comparte, amosará unha escolma de pezas da colección de arte da Cámara autonómica.
 
A mostra será comisariada pola Real Academia Galega de Belas Artes, que asesora ao Parlamento en aspectos relacionados coa propia colección de arte. A selección das obras participantes na exposición efectuarase seguindo criterios museolóxicos, tendo en conta as características dos diferentes espazos expositivos, que serán propostos pola Consellería de Cultura.
 
Primeiro, seis cidades galegas
 
Inicialmente está previsto que esta mostra itinerante percorra as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, así como outras localidades galegas a determinar, priorizando os criterios de poboación.
A mostra tamén visitará Madrid, ao tempo que se contempla a posibilidade de achegala a algunhas cidades do exterior; neste caso terase en conta a presenza galega e o potencial desta mostra para a proxección exterior da Comunidade e dos artistas galegos contemporáneos.
 
A iniciativa enmárcase na estratexia de apertura á sociedade galega que o Lexislativo galego está a impulsar desde hai tempo, nalgún caso tamén en colaboración coa Consellería de Educación,  como o programa Coñece as túas institucións, consistente na organización de visitas conxuntas do estudantado galego ás sedes da Xunta e do Parlamento.
 
Dobre obxectivo
 
Coa posta en marcha deste proxecto perséguese, en palabras  de Santalices, un dobre obxectivo: “potenciar o coñecemento da institución parlamentaria entre a cidadanía a partir da colección de arte galega contemporánea da Cámara –unha das máis valiosas e variadas de Galicia-  e divulgar o traballo das e dos artistas galegos”.
 
A colección de arte do Parlamento de Galicia está integrada por  máis de 300 obras: pintura e escultura, fundamentalmente, aínda que conta tamén con fotografías, documentos, reposteiros, vidreiras e medallas.  Trátase de obras do século XX e de comezos do XXI que nuns casos son propiedade da Cámara e noutros están cedidas en depósito.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina