saltar ao contido

Santalices homenaxea aos “heroes da causa galega” que, como Bóveda, sentaron as bases da autonomía

• A exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia/ 1981-2021” chega a Pontevedra,  onde poderá visitarse no café Moderno Afundación  ata o 25 de xuño
 
• “Traer esta exposición a Pontevedra é unha obriga moral á que gustosamente damos cumprimento para honrar a memoria de Alexandre Bóveda e e tantos outros cos que estamos en débeda”
 
• A mostra foi comisariada por Ramón Villares Paz, en colaboración con Miguel Anxo Seixas Seoane, Gustavo Hervella García e Xosé Díaz Arias
 
• Ten carácter itinerante e visitará as diferentes cidades galegas, ao tempo que se editará un libro que complemente a mostra
 
Santiago, 1 de xuño de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu esta tarde o acto de inauguración da mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021”, aberta ao público no Café Moderno Afundación de Pontevedra ata o próximo 25 de xuño.
 
A mostra fai un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega.
 
O presidente do Parlamento de Galicia recordou que o proceso de construción da autonomía galega é consecuencia de múltiples achegas, na época da transición, mais tamén nas décadas precedentes. “Falamos de auténticos heroes da causa galega, moitos dos cales pagaron un alto prezo polo seu compromiso autonomista e  galeguista”, enfatizou Santalices.
 
Recordou que “para algúns, a súa militancia custoulles a vida, como sucedeu con Alexandre Bóveda, vilmente fusilado no monte da Caeira, o 17 de agosto de 1936, cómpre recordalo”.
 
Agregou Santalices que outras persoas “pagaron ese compromiso co exilio”, como Castelao, mentres que un terceiro grupo padeceu o exilio interior, como Otero Pedrayo, expedientado e apartado da docencia entre 1937 e 1948.
 
Estatuto do 36
 
A xuízo do titular do Lexislativo galego, se Galicia ten a consideración de nacionalidade histórica, equiparada a Cataluña e o País Vasco pola Constitución de 1978, “é grazas ao traballo de persoas como Bóveda, que coa súa implicación nas diferentes fases do proceso, fixeron posible plebiscitar o Estatuto galego de 1936”.
 
Para Santalices, “traer esta exposición a Pontevedra é unha obriga moral á que gustosamente damos cumprimento para honrar a memoria de Alexandre Bóveda e a de tantos outros cos que estamos en débeda permanente”.
 
O presidente da Cámara galega amosou o seu agradecemento a Afundación -representada no acto pola coordinadora da área de Cultura, Marité Torres- por acoller esta exposición, como ten feito previamente noutros lugares con actividades organizadas polo Parlamento. Expresou tamén a  vocación de itinerancia desta mostra, que visitará as restantes cidades galegas. De forma paralela, editarase un libro que fará repaso ás catro décadas de historia autonómica de Galicia.
 
A autonomía, unha historia de éxito colectivo
 
Na súa intervención, Santalices sinalou que estes 40 anos de autonomía son unha historia de éxito colectivo, que se traducen nunha comunidade próspera, cunha elevada calidade de vida e uns servizos públicos satisfactorios; orgullosa de si mesma e os seus sinais de identidade; plenamente integrada na España constitucional e democrática; plenamente inserida, de feito e por dereito, nunha Europa que volve estar á altura das circunstancias, como xa o estivo desde os inicios da pandemia; e orgullosa dos seus vínculos coa Galicia da emigración e co mundo da lusofonía.
 
Para o presidente do Lexislativo galego, boa parte dos avances postos a disposición das galegas e galegos nas últimas décadas son consecuencia directa da autonomía política que Galicia exerce con responsabilidade desde hai 40 anos, co Parlamento como primeira institución. Deste modo, recordou que nada de canto acontece en Galicia resulta alleo ao seu Parlamento.
 
Santalices insistiu na importancia do Parlamento como eixe da vida política e recordou que “pode haber goberno sen Parlamento, pero non pode haber democracia sen Parlamento”.
 
Reforzar o contacto coa xente
 
Xustificou Santalices a importancia desta mostra, polo elevado descoñecemento que rodea á primeira institución de Galicia, o que obriga a potenciar o contacto coa xente a través dun amplo abano de medidas nas que se integra esta exposición, xunto a outras como as visitas escolares do Parlamento, as ferramentas de participación cidadá ou a programación cultural da Cámara.
 
A mostra inaugurada esta tarde na Coruña, concibida para rememorar as catro décadas de vida do Parlamento de Galicia, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina