Cada 11 de xuño celébrase o Día mundial do cancro de próstata, un cancro que é un crecemento atípico e descontrolado das células que conforman a glándula prostática, segundo expón a Asociación Española de Uroloxía (AEU).
Segundo os datos publicados no estudio As cifras do cancro en España 2022, da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), o cancro de próstata foi o cuarto tumor máis frecuente diagnosticado no mundo no ano 2020.
En España prevese que este ano o cancro de próstata será tamén o cuarto tumor máis diagnosticado. Ademais, foi o máis prevalente en homes en 2020, con máis de120.000 casos.
Queremos poñer de manifesto a importancia de levar uns hábitos de vida saudables, pois os factores endócrinos, dietéticos e os relacionados co estilo de vida poderían favorecer a aparición deste tumor, segundo pon de manifesto a Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica (SEOR), no seu Manual práctico de oncoloxía radioterápica.
Non podemos esquecernos do factor de risco máis importante, segundo a Asociación Española de Uroloxía, que é a idade, xa que a enfermidade tende a desenvolverse en homes maiores de 50 anos, sendo a media de idade ao diagnóstico arredor dos 69 anos. Os antecedentes familiares tamén son un factor de risco para padecelo.
Por todo isto, o Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio aos doentes con cancro de próstata e aos seus familiares, á investigación como instrumento imprescindible na loita contra esta enfermidade, e trasladamos o noso recoñecemento a todas e todos os profesionais que asesoran e que traballan día a día para mellorar a calidade de vida dos doentes con cancro de próstata.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022.