saltar ao contido

Santalices recorda que o autogoberno dotou a Galicia de avances concretos en áreas como a educación ou a sanidade

• A exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia/ 1981-2021” chega a Vigo,  onde poderá visitarse na sede de Afundacion ata o 27 de xullo
 
• Vigo “conta arestora cun hospital modélico, referente en España e en Europa, o Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que é consecuencia directa da capacidade de Galicia para xestionar a súa propia sanidade”
 
• A mostra foi comisariada por Ramón Villares Paz, en colaboración con Miguel Anxo Seixas Seoane, Gustavo Hervella García e Xosé Díaz Arias
 
• Ten carácter itinerante e visitará as diferentes cidades galegas, ao tempo que se editará un libro que complemente a mostra
 
Santiago, 30 de xuño de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu esta tarde o acto de inauguración da mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021”, que permanecerá aberta ao público na sala 1 de Afundación, en Vigo, ata o vindeiro 27 de xullo. 

A mostra fai un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega.

Na súa intervención, o titular do lexislativo galego considerou “frutíferas” as catro décadas transcorridas desde o nacemento do Parlamento de Galicia. Durante este tempo “a autonomía política de Galicia foi medrando en aceptación popular pero tamén, e sobre todo, en froitos concretos, malia que non sempre nos decatemos delo”.

Servizos públicos

Para respaldar esta afirmación, Santalices referiuse ao avance rexistrado en materia de servizos públicos. “Galicia -afirmou- pasou de contar con unha a tres universidades, entre elas a Universidade de Vigo, hoxe felizmente consolidade e convertida en referente”.

O presidente do Parlamento recordou que  Vigo “conta arestora cun hospital modélico, referente en España e en Europa, o Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que é consecuencia directa da capacidade de Galicia para xestionar a súa propia sanidade”. Tirando de memoria persoal, Santalices lembrou os vellos consultorios e ambulatorios de Vigo. “Entre aquela sanidade e a de hoxe media, para ben, un auténtico abismo”, apuntou.

Outro dos avances que o titular do lexislativo galego vinculou directamente co desenvolvemento da autonomía de Galicia é o referido ás relacións con Portugal. Fronte ás reticencias do pasado, “hoxe, Galicia e a Rexión Norte de Portugal impulsan proxectos de cooperación que son referencia para as relacións transfronteirizas no conxunto da Unión Europea. En Vigo sabémolo ben. E nada disto tería sido posible sen autonomía”.

Avance en igualdade

Para o presidente do Parlamento de Galicia, facer memoria destes 40 anos implica referirse tamén ao “avance social sen precedentes, tamén en materia de igualdade”. Apuntou, neste sentido, que na primeira Lexislatura do Parlamento de Galicia (1981-1985) houbo só tres mulleres deputadas. Unha delas foi Emma González Bermello, quen previamente, en 1978, accedera á Alcaldía de Vigo, converténdose na primeira muller alcaldesa dunha cidade galega.

Na actualidade, 40 dos 75 escanos do Parlamento de Galicia son ocupados por mulleres, que representan o 53,3% da Cámara.

O presidente da Cámara galega amosou o seu agradecemento a Afundación por acoller esta exposición, como ten feito previamente noutros lugares con actividades organizadas polo Parlamento. Expresou tamén a  vocación de itinerancia desta mostra, que visitará as restantes cidades galegas. De forma paralela, editarase un libro que fará repaso ás catro décadas de historia autonómica de Galicia.

A autonomía, unha historia de éxito colectivo

Na súa intervención, Santalices sinalou que estes 40 anos de autonomía son unha historia de éxito colectivo, que se traducen nunha comunidade próspera, cunha elevada calidade de vida e uns servizos públicos satisfactorios; orgullosa de si mesma e os seus sinais de identidade; plenamente integrada na España constitucional e democrática; plenamente inserida, de feito e por dereito, nunha Europa que volve estar á altura das circunstancias, como xa o estivo desde os inicios da pandemia; e orgullosa dos seus vínculos coa Galicia da emigración e co mundo da lusofonía.

Para o presidente do Lexislativo galego, boa parte dos avances postos a disposición das galegas e galegos nas últimas décadas son consecuencia directa da autonomía política que Galicia exerce con responsabilidade desde hai 40 anos, co Parlamento como primeira institución. Deste modo, recordou que nada de canto acontece en Galicia resulta alleo ao seu Parlamento.

Santalices insistiu na importancia do Parlamento como eixe da vida política e recordou que “pode haber goberno sen Parlamento, pero non pode haber democracia sen Parlamento”.

Reforzar o contacto coa xente

Xustificou Santalices a importancia desta mostra, polo elevado descoñecemento que rodea á primeira institución de Galicia, o que obriga a potenciar o contacto coa xente a través dun amplo abano de medidas nas que se integra esta exposición, xunto a outras como as visitas escolares do Parlamento, as ferramentas de participación cidadá ou a programación cultural da Cámara.

A mostra inaugurada esta tarde en Vigo, concibida para rememorar as catro décadas de vida do Parlamento de Galicia, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.


Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina