saltar ao contido

Santalices cualifica o Consello de Contas como “un dos alicerces da Comunidade Autónoma”

• O Parlamento de Galicia acolleu a toma de posesión de  Simón Rego Vilar e Constantino Carreiras Souto como conselleiros do Consello de Contas de Galicia, no que renovan mandato
 
• Para Santalices Vieira “canto máis rigoroso sexa o control, maior será a confianza cidadá nas institucións e, polo tanto, máis fortalecida resultará a democracia”
 
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a toma de posesión de  Simón Rego Vilar e Constantino Carreiras Souto como conselleiros do Consello de Contas, no que renovan mandato.
 
No acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que os dous conselleiros que hoxe tomaron posesión acreditaron a súa idoneidade comparecendo ante a Comisión Permanente Non Lexislativa para as relacións co Consello de Contas do Parlamento de Galicia celebrada o pasado 1 de xullo.
 
Quixo de igual maneira o presidente do Parlamento transmitirlles a Rego Vilar e Carreiras Souto os seus parabéns pola “renovada confianza” e o seu ánimo “na nobre e intensa tarefa que teñen por diante no desempeño das responsabilidades encomendadas como ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego”.
Confianza na democracia
 
O titular da Cámara lexislativa asegurou que “canto máis rigoroso sexa ese control maior será a confianza cidadá nas institucións e, polo tanto, máis fortalecida resultará a democracia”.
 
Para Santalices Vieira “o Consello de Contas está intimamente vinculado co noso acceso a autonomía”, que vén de celebrar os seus primeiros 40 anos de existencia, e o mesmo, co pasar dos anos, “tense convertido nun dos alicerces da Comunidade Autónoma”.
 
Lembrou tamén Santalices que o Consello de Contas vén de recibir un recoñecemento por parte da institución parlamentaria, a Medalla do Parlamento de Galicia, entregada o pasado 6 de abril xunto das demais institucións estatutarias da Comunidade.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina