saltar ao contido

Santalices reivindica o efecto multiplicador do termalismo como fonte de riqueza e emprego, especialmente nos concellos do interior

• O presidente do Parlamento de Galicia inaugurou en Ourense a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia 2022
• Reitera a proposta de incluír os tratamentos termais na carteira do Sistema Nacional de Saúde
 
Santiago, 29 de setembro de 2022.- Nun momento no que “con razón, saltan todas as alarmas respecto á despoboación de amplas comarcas do interior, o sector termal encerra un enorme potencial para facer fronte a esta realidade”. Así o manifestou este mediodía o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na inauguración da Feira Internacional  de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia 2022, que se celebra no recinto de Expourense.
 
Recordou Santalices que Galicia  é a comunidade con maior riqueza en augas mineromedicinais de España, e dentro de Galicia, “Ourense é a provincia termal por excelencia, un dos epicentros mundiais do termalismo”.  Na súa opinión, o feito de que a maior parte dos balnearios galegos se asenten en municipios rurais acentúa “o efecto multiplicador destes establecementos como fonte de emprego e riqueza para o seu entorno”.
 
O presidente do Parlamento de Galicia apuntou que un dos grandes impulsores do sector, o Dr. Luis Rodríguez Míguez, insistía en que para que un tratamento termal sexa realmente efectivo debe efectuarse nun balneario.
 
A recente posta en servizo dunha conexión de alta velocidade coa Meseta, xunto co “necesario incremento das conexións ferroviarias con outros puntos de Península”, debería traducirse, a xuízo de Santalices, nun crecemento das expectativas do sector termal galego, tanto na vertente terapéutica como na turística.
 
Proposta de futuro
 
O titular do Lexislativo galego aproveitou a súa intervención na inauguración de Termatalia para poñer sobre a mesa unha vella proposta, a de incluír os tratamentos termais na carteira do Sistema Nacional de Saúde, por entender que a longo prazo redundaría nun descenso do gasto farmacéutico, menos ingresos hospitalarios e convalecencias máis curtas, ademais de mellorar a calidade de vida dos enfermos. “Pode que non sexa o mellor momento para efectuar esta proposta, pero non por elo debemos descartala”, dixo.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina