saltar ao contido

Santalices, nos XXVVIII Premios de Publicidade en Galego: “Facer una campaña en galego pode constituír a clave do éxito”

• O Parlamento de Galicia acolleu a entrega da XXVIII edición dos Premios de Publicidade en Galego, convocados conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e o Foro Enrique Peinador
 
• O CIFP Leixa, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Aqualia, a Asociación PuntoGal e R Cable y Telecable Telecomunicaciones son as entidades premiadas nesta edición

Santiago,  3 de outubro de 2022.-O Parlamento de Galicia acolleu hoxe o acto de entrega da XXVIII edición dos Premios de Publicidade en Galego. Estes galardóns son o resultado dunha convocatoria conxunta do Parlamento de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e o Foro Enrique Peinador, que os asumiron logo da disolución do Consello Asesor da Radio Televisión Española en Galicia, órgano que os puxo en marcha.

Campañas premiadas

O CIPF de Leixa, na categoría centro educativo, co traballo titulado Cambio climático; o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, na categoría Internet, polo anuncio Treixadura-Modo Ribeiro, da Axencia Nasas; Aqualia, na categoría prensa escrita, con A auga en Vigo é de alta calidade, de Ecovigo Publicidad; a Asociación PuntoGal, na categoría radio, con Abre na rede, da axencia Quatto IDCP; e R Cable y Telecable Telecomunicaciones, na categoría televisión, con Vai escampar,  da axencia Quattro IDCP, son as entidades premiadas na presente edición. O xurado acordou tamén unha mención de honra para a empresa Sistemas de Seguridade A1.
 
Un galardón en crecemento

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, resaltou, na súa intervención, a crecente “capacidade de convocatoria” do galardón. Trátase, ao seu parecer, dun “crecemento paralelo ao proceso de revitalización da lingua galega, hoxe felizmente asentada nos diferentes ámbitos sociais e culturais”.

Con todo, quixo lembrar Santalices, “a lingua galega continúa necesitada de impulso e sensibilidade por parte de todos”. Salientou así que para acadar a súa plenitude o galego precisa “da presenza nas redes e no universo audiovisual”.
 
O galego, clave do éxito

O titular do Lexislativo autonómico apuntou que a convocatoria destes premios xorde “desde o convencemento de que o galego é un idioma acaído para a realización de campañas publicitarias de éxito” e “sempre, por suposto, desde o noso compromiso inquebrantable coa lingua propia de Galicia”.

Para Santalices, “en ocasións facer una campaña en galego pode constituír a clave do éxito, pola expresividade e o sentimento que a nosa lingua é capaz de transmitir”.
Deste modo, o presidente da Cámara insistiu en destacar o “acerto” das iniciativas premiadas e de “tantas outras que reportaron e seguen reportando notables éxitos aos seus promotores”, en tanto que “empregan unha lingua que sae e chega ao corazón das galegas e galegos”.

O acto contou tamén coas intervencións do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, ademais do representantes dos galardoados.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina