saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 5 de outubro de 2022

4.2 36257 (11/PNP-003237)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e 14 máis
Sobre a solicitude que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España dun PERTE singular para destinar os fondos necesarios que permitan dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados pola Comunidade Autónoma
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 334, do 22.06.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España un PERTE singular para destinar os fondos necesarios que permitan dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados pola Comunidade Autónoma.
 
En particular:
 
1.- Destinar os 7.700 millóns de euros adicionais de fondos europeos que recibirá pola evolución do crecemento da economía nos últimos dous anos a articular novos PERTE en áreas como a bioeconomía, o forestal, o téxtil e a cultura, en liña coa Estratexia para a transformación de Galicia remitida en maio de 2021, e que permitirían apoiar proxectos industriais e empresariais de enorme impacto no territorio.
 
2.- Xestionar desde as Comunidades Autónomas estes PERTE co ánimo de colaborar para evitar que se deixen sen executar uns fondos que son imprescindibles para os nosos sectores económicos, sempre que o seu deseño se axuste realmente ás propostas do tecido produtivo e se faga nun prazo razoable”.
 
4.3 36955 (11/PNP-003309)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia, do Bloque Nacionalista Galego e dos Socialistas de Galicia
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para facer efectiva a asistencia sanitaria ás persoas afectadas con enfermidades raras, así como a actualización dos criterios e importes establecidos na Orde do 30 de marzo de 2001 pola que se regulan prestacións por desprazamento
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 350, do 26.07.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1º.- Regular unha prestación que cubra os gastos de aloxamento e dietas das persoas con enfermidades raras, pendentes de diagnóstico ou confirmación do mesmo, cando son derivadas a través do procedemento regulamentario establecido a outras comunidades autónomas, e deste xeito sexa efectivo o dereito a esa asistencia sanitaria.
 
2º.- Actualizar os criterios e importes recolleitos na Orde do 30 de marzo de 2001 pola que se regulan prestacións por desprazamento previstas no artigo 12 do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro.”
 
 
4.6 41603 (11/PNP-003518)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Varela, Noa Susana e 3 máis
Sobre o apoio do Parlamento de Galicia á prohibición do proxenetismo e as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia contra a explotación sexual e a favor da abolición da prostitución

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 386, do 27.09.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:

“1. O Parlamento de Galicia acorda manifestar o seu apoio á tramitación da Proposición de lei orgánica pola que se modifica a Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, para prohibir o proxenetismo en todas as súas formas.
 
2. O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
2.1. Realizar un estudo para actualizar a información sobre a prostitución, a trata e a explotación sexual en Galicia.
 
2.2. Facer público e comezar de inmediato co desenvolvemento do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
 
2.3. Impulsar, no ámbito das súas competencias, políticas públicas orientadas á loita contra a explotación sexual e a abolición da prostitución.
 
3. Dirixirse ao Goberno de España para:
 
3. 1. Facer público o I Plan Camino aprobado o pasado 20 de setembro en Consello de Ministros.
 
3.2. Dar cumprimento á medida 257 do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que establece o impulso e aprobación dunha Lei Orgánica contra a Trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
 
3.3. Impulsar as modificacións legais necesarias para:
 
3.3.1. Introducir un enfoque de dereitos humanos que persiga o proxeneta e cliente mais que tamén garanta as condicións materiais que permitan as mulleres en contexto de prostitución deixala, incluídas as persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa. Para tal fin, as autoridades públicas competentes deberán artellar os mecanismos necesarios para garantir a cobertura das súas necesidades persoais básicas (ingresos mínimos, vivenda, emprego, regularización administrativa, formación…)
 
3.3.2. Perseguir intensa e efectivamente a explotación sexual, con coordinación eficaz dos distintos organismos, corpos e entidades (Policía, Garda Civil, Xulgados, Fiscalía, Inspección de traballo, ONGs, etc), complementada coa dotación dun servizo de asesoramento e atención inmediata ás mulleres en situación de prostitución formado por traballadora social, educadora social e psicóloga.
 
3.3.3. Dotar orzamentariamente de maneira suficiente e plurianual para garantir o debido cumprimento e desenvolvemento da lei incluíndo fondos concretos para as administracións autonómicas en tanto que principais competentes en materia de igualdade e dereitos sociais”.
 
4.7 41720 (11/PNP-003528)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e 14 máis
Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno central relativa á incorporación, na axenda da reunión bilateral, de determinadas cuestións para tratar co Goberno alemán na Coruña e, no programa de traballo para a Presidencia española do Consello da Unión Europea de 2023, de determinados elementos de especial interese para Galicia
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 386, do 27.09.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno central que incorpore, na súa axenda lexislativa e no programa de traballo para a Presidencia española do Consello da UE de 2023, os seguintes elementos de especial interese para Galicia, e a dirixirse nos mesmos termos ás Cortes Xerais, no marco do relatorio constituído o pasado 20 de setembro na Comisión Mixta para a Unión Europea, para participar na preparación da presidencia española do Consello da Unión Europea durante o segundo semestre de 2023:
 
1. Fondos europeos. Asegurar unha xestión e execución eficaces dos fondos Next Generation EU, de xeito que cheguen ao tecido produtivo galego, especialmente as PEMES.

a) Reorientar o deseño e a xestión dos fondos europeos de recuperación Next Generation EU, como xa se propuxo recentemente no Plan Económico que o presidente do PP remitiu ao Goberno.

b) Confirmar a inclusión nos PERTEs correspondentes, ou calquera outra fórmula de apoio efectivo aos proxectos estratéxicos que Galicia ten trasladado ao Goberno central en diversas ocasións, dado o seu potencial transformador e o seu elevado impacto no emprego e ao seu aliñamento coas principais temáticas do Next Generation EU.

c)  En particular, acadar a participación no PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado, ou de calquera outra fórmula de axuda, do alto potencial de Galicia na industria automobilística e do seu principal produtor, Stellantis, que lidera desde o centro de Balaídos en Vigo a fabricación de vehículos en España.
 
2. Pesca. Reorientar as normas europeas para asegurar a sustentabilidade social, económica e medioambiental da cadea mar-industria galega.

a) Promover unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC), en liña co ditame aprobado recentemente polo Consello Galego da Pesca, para adaptar a PPC ás necesidades das comunidades costeiras europeas e aos novos retos globais, en concordancia das normas con ela conexas, como é o Regulamento de Control que se está a debater para a súa modificación.

b) Garantir a seguridade xurídica na planificación territorial da cadea mar-industria, en aplicación da Directiva de Ordenación do Espazo Marítimo, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e as Orientacións da Comisión Europea e o Consello en materia de acuicultura.

c) Cumprir na UE cos principios do Manifesto en defensa da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas, subscrito o pasado 5 de xullo pola Xunta de Galicia e as entidades máis importantes da industria pesqueira galega rexeitando que a Comisión Europea avance de maneira unilateral na prohibición da pesca de fondo en augas europeas.
 
3. Medio Rural. Adaptar as normas europeas sobre agricultura, gandería e montes á realidade de Galicia.

a) Asegurar que a Política Agraria Común e o Plan Estratéxico Nacional inclúan e respecten as particularidades do medio rural galego.

b)  Que a UE estableza criterios homoxéneos a nivel supranacional para compatibilizar de xeito adecuado a conservación do lobo coa actividade agrogandeira no medio rural e co mantemento da biodiversidade.

c) Acadar o apoio da Comisión Europea e financiación para o futuro Centro Integral de Loita contra o Lume na localidade ourensá de Toén, que se converterá nun auténtico campus forestal de ámbito internacional e será unha referencia en materia formativa para bombeiros de toda Europa.
 
4. Cultura. Promover o fenómeno xacobeo na Unión Europea como parte da Nova Axenda Europea para a Cultura e a Estratexia da UE para as Relacións Culturais Internacionais:

a) Impulsar a sinalización dos Camiños de Santiago e outras rutas culturais de maneira homoxénea en toda a UE, co obxectivo de incrementar a súa visibilidade e a súa presenza.

b) Que o logo da presidencia española da UE sexa alusivo aos Camiños de Santiago, que son tamén Camiños de Europa.

c) Que o “flagship cultural project” (“proxecto cultural destacado”) da presidencia española estea relacionado cos Camiños de Santiago.

d) Que se instale en Santiago de Compostela unha “Casa Europa” do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, seguindo a senda da Casa América en Madrid, a Casa Asia en Barcelona e a Casa África en Canarias.
 
5. Enerxía. Apostar por un modelo de transición enerxética ordenada, garantista, sustentable e respectuoso co medio ambiente, que permita achegar a familias, pemes e industria un prezo competitivo.

a) Que o Goberno aprobe un marco regulatorio competitivo e, en particular, acelere a aprobación e desenvolvemento do PERTE de descarbonización orientado á industria intensiva en enerxía, de xeito que se poida beneficiar dos fondos Next Generation EU; que oferte a enerxía do RECORE (Renovables, coxeneración e residuos) a un prezo regulado; que exonere o 80% das peaxes da enerxía e que active o servicio substitutivo das poxas de interrumpibilidade.

b) Que se alcance un acordo coa UE para a concesión de axudas estatais e mecanismos de compensación para evitar o peche e a deslocalización de empresas.

c) Cimentar Galicia como hub gasístico en Europa coa reconversión nun hub de hidróxeno a medio prazo. Garantir o financiamento europeo para as interconexións enerxéticas. 
6. Transportes. Aproveitar ao máximo os fondos europeos dispoñibles para impulsar as sinerxías entre Galicia e Portugal co fin de poder reforzar a competitividade.

a) Completar o antes posible a conexión ferroviaria de Galicia co Norte de Portugal.

b) Que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana impulse canto antes a saída Sur de Vigo, que aínda segue en estudo de alternativas e sen planificación orzamentaria para a súa execución.
 
7. Demografía e despoboamento. Integrar a demografía e o despoboamento nos distintos programas de financiamento da Unión Europea.

a) Dar continuidade aos traballos desenvolvidos pola Vicepresidenta da Comisión Europea para Democracia e Demografía, a popular croata Dubravka Šuica (Libro Verde sobre Envellecemento, Atlas da Demografía, Informe sobre o Impacto do Cambio Demográfico na Unión).

b) Converter o despoboamento rural nunha emerxencia de ámbito europeo, en liña coas propostas da Visión a longo prazo para as zonas rurais da Comisión Europea, e incorporar beneficios automáticos na concesión de fondos europeos para as rexións despoboadas.

c) Que se adopte o antes posible o novo Acordo de Asociación do FEDER, incorporando o plan de acción en materia de demografía ao que fai referencia o considerando 43 do Regulamento do FEDER.

d) En cumprimento do Regulamento 2021/1060, de Disposicións Comúns aos fondos europeos, que tanto os Acordos de Asociación coma os Programas Operativos que conclúa o Goberno incorporen un enfoque integrado para abordar os retos demográficos.
 
8. Política exterior. Reforzar a protección consular dos europeos en terceiros países.

a) Que as Delegacións da UE exerzan unha maior presión política ante os Gobernos estranxeiros en casos de emerxencia consular, coma por exemplo, no caso do terrible asasinato no coruñés Diego Bello en Filipinas, o tráxico afundimento do Villa de Pitanxo en Terranova ou o recente sinistro do Albacora Cuatro en Seychelles. 

9. Relacións con América.

a) Impulsar a firma e ratificación dos novos acordos comerciais entre a UE e Iberomérica (Mercosur, México e Chile), que beneficiarían especialmente ás pemes galegas.

b) Estudar un programa de intercambio académico entre universidades europeas, latinoamericanas e estadounidenses (“Erasmus transatlántico”).

c) Reforzar o compromiso coas liberdades nas ditaduras iberoamericanas de Venezuela, Cuba e Nicaragua, esixindo unha posición europea máis clara en apoio da causa democrática.
 
10. Defensa. Velar por que a renovada importancia da política europea de defensa beneficie a Galicia.

a) Reforzar o papel da Unión como provedor de seguridade marítima internacional.

b) Insistir na necesidade de que os Estados membros marítimos reforcen as súas capacidades navais militares.

c) Que, entre os proxectos aprobados pola UE no marco da chamada “cooperación estruturada permanente no eido da defensa” (PESCO), e entre eles o desenvolvemento dun proxecto de patrulleiro europeo oceánico, inclúan alomenos un Buque de Acción Marítima (BAM) no estaleiros de Navantia da ría de Ferrol”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina