Santiago, 11 de outubro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu este mediodía a Nancy Rego, natural de Foz, unha das cinco mulleres -é a única galega- que participarán no Reto Pelayo Vida 2022. Trátase dun proxecto deportivo de sensibilización sobre a prevención do cancro na muller.
A oitava edición do Reto Pelayo Vida desenvolverase en Xordania.
As cinco mulleres participantes teñen en común ter superado un cancro. Coa súa participación nesta iniciativa, tratan -segundo os organizadores- de demostrarse a si mesmas que logo de superar o cancro poden retomar a vida con normalidade, pero tamén facer visible a enfermidade para axudar a outras mulleres na mesma situación, concienciar sobre a importancia da investigación e a prevención, recordar a necesidade de realizar probas preventivas e reiterar os beneficios de levar unha vida sana e facer exercicio para previr calquera enfermidade.
No encontro celebrado no Parlamento tamén estivo presente o director do proxecto, o escritor e xornalista Eric Frattini, a responsable de relacións institucionais, así como familiares da participante galega.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.