• Anima a toda a sociedade a coñecer a sede do Lexislativo autonómico no marco dunha iniciativa encamiñada a incrementar a proxección exterior da institución
• A presidenta do Parlamento e diferentes deputados recibirán aos visitantes e lles explicarán o funcionamento da Cámara
• Os visitantes poderán participar en votacións simuladas no Hemiciclo
• Pilar Rojo felicitase polo éxito acadado polo ciclo de charlas itinerantes para alumnos de secundaria e pola elevada participación rexistrada no Concurso Escolar do Parlamento
Santiago, 27 de maio de 2011.- O Parlamento de Galicia celebrará o vindeiro 4 de xuño, sábado, unha nova Xornada de Portas Abertas, que se enmarca na política da presidenta da Cámara, Pilar Rojo Noguera, por incrementar a proxección exterior da institución.
Logo da primeira xornada deste tipo celebrada o 22 de maio de 2010, o Parlamento de Galicia optou por consolidar a organización dunhas xornadas de portas abertas cada ano para visibilizar que a Cámara é a casa de todos os galegos e galegas.
Rojo Noguera amósase convencida de que un mellor coñecemento do labor que desenvolven os deputados se traduciría nunha maior valoración dos responsables públicos.
Neste sentido, Pilar Rojo anima a todas as persoas que o desexen a achegarse ao Parlamento de Galicia para visitar as diferentes dependencias do Pazo do Hórreo, ben a título individual, ou no marco dunha visita colectiva.
A presidenta do Parlamento de Galicia, acompañada por diferentes deputados, recibirán aos visitantes e acompañaranos durante a visita á sede do poder lexislativo galego.
Documental e visitas guiadas
Á súa chegada, os visitantes poderán visionar un documental no que se explican a historia e funcións do Parlamento de Galicia para, de seguido, visitar o edificio, para o que recibirán unha guía do percorrido.
Os que o desexen poderán integrarse nos grupos que se organizarán periodicamente para desenvolver unha visita guiada, aínda que tamén se habilitará un percorrido para coñecer o edificio de xeito individual.
Esta Xornada de Portas Abertas coincide coa celebración do 30 aniversario do Parlamento de Galicia que a institución está a aproveitar para intensificar a súa proxección exterior.
Votacións simuladas
Para que os visitantes podan coñecer mellor o funcionamento do lexislativo galego, cada certo tempo tamén se organizarán votacións simuladas, nas que poderán participar as persoas que nese momento se atopen no Salón de Plenos do Parlamento de Galicia.
Éxito das iniciativas de participación social do Parlamento
Neste contexto, Pilar Rojo explicou que durante os meses de abril e maio deste ano, 21 centros educativos de Galicia acolleron o ciclo de charlas itinerantes para alumnos de secundaria, organizadas polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Asociación de Ex-deputados.
A presidenta agradeceu a implicación dos ex-deputados participantes, pero tamén a excelente receptividade desta actividade entre o persoal docente e os alumnos dos centros participantes. Por iso, anunciou que a experiencia se retomará en setembro, coincidindo co inicio do novo curso escolar.
Concurso Escolar
Rojo Noguera tamén se felicitou pola elevada participación rexistrada no Concurso Escolar convocado polo Parlamento, con 885 traballos recibidos que o xurado xa está revisando para seleccionar aos gañadores e poder entregar os premios das tres modalidades –debuxo, redacción e expresión libre- antes de que remate o vindeiro mes de xuño.
Á vista destes dous exemplos, a presidenta do Parlamento expresou a súa satisfacción pola boa acollida que están rexistrando as iniciativas de participación social promovidas polo Parlamento de Galicia.
Previamente, a presidenta do Parlamento recibiu no seu despacho aos integrantes do Consello Social da Universidade da Coruña, que efectuaron unha visita institucional á Cámara galega.
Saúdos, Gabinete de Comunicación