saltar ao contido

Santalices: “O éxito da autonomía de Galicia é froito do compromiso e do esforzo de todos, tamén, por suposto, da cidadanía de Ferrol”

• A exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia/ 1981-2021” chega a Ferrol onde poderá visitarse na sede de Afundación ata o 26 de novembro
 
• O presidente do Parlamento reivindica “a autonomía e o galeguismo que a inmensa maioría dos galegos profesamos, pero sempre desde unha visión integradora”
 
• A mostra foi comisariada por Ramón Villares Paz, en colaboración con Miguel Anxo Seixas Seoane, Gustavo Hervella García e Xosé Díaz Arias
 
Santiago, 20 de outubro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu esta tarde en Ferrol o acto de inauguración da mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021”, que permanecerá aberta ao público na sede de Afundación  ata o 26 de novembro próximo.
A mostra fai un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración
da autonomía galega.
 
A xuízo do presidente do Parlamento, “o éxito da autonomía de Galicia é froito do compromiso e do esforzo de todos, tamén da cidadanía de Ferrol, desde as persoas anónimas aos responsables públicos que tiveron un papel destacado naqueles primeiros anos nos que botaron a andar as nosas institucións”.
 
O titular da Cámara galega aproveitou a ocasión para reivindicar “a nosa autonomía e o galeguismo que a inmensa maioría dos galegos profesamos, pero sempre desde unha visión integradora, porque formamos parte do Reino de España, que reivindicamos e no que nos sentimos a gusto, Somos galegos, españois e europeos”.
 
Apuntou Santalices que, máis aló de determinados desencontros, o Parlamento de Galicia “é a casa da palabra, na que buscamos o acordo na procura do ben común”.
Nesta liña, o xefe do Lexislativo galego felicitou a Ferrol pola recente creación dun grupo de traballo integrado polo Concello, a Armada e a Xunta de Galicia para relanzar de maneira conxunta a candidatura denominada Cidade de Ferrol: porto da Ilustración, de cara á súa declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco. Apuntou que esta aposta constitúe “un exemplo a seguir noutros ámbitos”.
 
O presidente da Cámara galega amosou o seu agradecemento a Afundación -representada no acto polo director xerente, Pedro Otero- por acoller esta exposición, como ten feito previamente noutros lugares con actividades organizadas polo Parlamento. Expresou tamén a  vocación de itinerancia desta mostra, que culmina en Ferrol o percorrido polas principais cidades galegas. De forma paralela, editarase un libro que fará repaso ás catro décadas de historia autonómica de Galicia.
 
A autonomía, unha historia de éxito colectivo
 
Na súa intervención, Santalices sinalou que estes 40 anos de autonomía son unha historia de éxito colectivo, que se traducen nunha comunidade próspera, cunha elevada calidade de vida e uns servizos públicos satisfactorios; orgullosa de si mesma e os seus sinais de identidade; plenamente integrada na España constitucional e democrática; plenamente inserida, de feito e por dereito, nunha Europa que volve estar á altura das circunstancias, como xa o estivo desde os inicios da pandemia; e orgullosa dos seus vínculos coa Galicia da emigración e co mundo da lusofonía.
 
Para o presidente do Lexislativo galego, boa parte dos avances postos a disposición das galegas e galegos nas últimas décadas son consecuencia directa da autonomía política que Galicia exerce con responsabilidade desde hai 40 anos, co Parlamento como primeira institución. Deste modo, recordou que nada de canto acontece en Galicia resulta alleo ao seu Parlamento.
 
Santalices insistiu na importancia do Parlamento como eixe da vida política e recordou que “pode haber goberno sen Parlamento, pero non pode haber democracia sen Parlamento”.
 
Reforzar o contacto coa xente
 
Xustificou Santalices a importancia desta mostra, polo elevado descoñecemento que rodea á primeira institución de Galicia, o que obriga a potenciar o contacto coa xente a través dun amplo abano de medidas nas que se integra esta exposición, xunto a outras como as visitas escolares do Parlamento, as ferramentas de participación cidadá ou a programación cultural da Cámara.
 
A mostra inaugurada esta tarde en Ferrol, concibida para rememorar as catro décadas de vida do Parlamento de Galicia, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina