5.1 36132 (11/PNP-003224)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia de dotación de recursos e atención pediátrica
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 334, do 22.06.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a presentar, no prazo máximo de tres meses, un informe no Parlamento Galego no que conste:
a) Número de pediatras traballando en Atención Primaria, distribución por centros sanitarios, situación laboral, número de nenas e nenos que atende cada un.
b) Centros de saúde, e concello no que se sitúan, que non contan con atención pediátrica e número de nenas e nenos que non teñen asignado pediatra, desagregado por concellos.
c) Previsión de xubilacións de profesionais de pediatría en Atención Primaria nos vindeiros cinco anos”.
5.4 42462 (11/PNP-003600)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e 14 máis
Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España dunha ampliación dos prazos sinalados no Real decreto lei 23/2020 para facilitar o desenvolvemento dos proxectos eólicos viables
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 394, do 13.10.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España a unha ampliación dos prazos sinalados na Real Decreto-lei 23/2020 para facilitar o desenvolvemento dos proxectos eólicos viables que proporcionen oportunidades para mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas e a competitividade da industria galega.”
5.5 42763 (11/PNP-003628)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel e 10 máis
Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España respecto da modernización dos treitos ferroviarios Vigo-O Porriño e O Porriño-fronteira portuguesa
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 401, do 26.10.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España que:
1. Avance de xeito inequívoco na modernización dos treitos ferroviarios Vigo-O Porriño e O Porriño-fronteira portuguesa, tanto no ámbito administrativo como orzamentario, empezando por incluír partidas con esta fin nas contas de 2023, que permita acompasar os tempos á planificación prevista polo Goberno de Portugal e que fixa en 2030 a chegada do AVE a Valença.
2. Inicie as negociación co Goberno portugués para subscribir o acordo entre os dous países que permita construír a necesaria nova ponte internacional ferroviaria”.
5.6 42928 (11/PNP-003647)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Otero Rodríguez, Patricia e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo da Xunta de Galicia para lograr un prezo da enerxía competitivo para a planta de Alcoa en San Cibrao
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 401, do 26.10.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a facilitar a tramitación dos parques eólicos que sexan necesarios e cumpran coa normativa para que o prezo da enerxía sexa competitivo para a planta de Alcoa en San Cibrao.
Do mesmo xeito, ínstase á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que, pola súa parte, tamén facilite a tramitación dos citados parques eólicos”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.