saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle o X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-Unicef

•  A vicepresidenta da Cámara, Elena Candia, reitera a aposta do Parlamento de Galicia pola participación infantil e adolescente, “porque a vosa opinión conta” e anima aos concellos a sumarse a esta iniciativa
• O acto enmárcase na conmemoración do Día Mundial da Infancia que se celebra cada 20 de novembro e contou coa participación de representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de Moeche, Teo, Ames, Viveiro, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Redondela, Nigrán, Castrelo de Miño, Cabanas e Burela

Santiago, 15 de novembro de 2022.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a décima edición do foro infantil organizado coa colaboración de Unicef, contemplado expresamente no Pacto Galego pola  Infancia rubricado polos grupos que integran a Cámara autonómica.
 
A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, congratulouse da celebración deste acto, “porque cremos de veras na participación infantil e adolescente, porque a vosa opinión conta e debería contar aínda máis”. Animou aos concellos galegos que aínda non o fixeron a constituír un Consello local de participación infantil e adolescente.
 
O Foro de participación infantil celebrado hoxe na Cámara galega enmárcase na conmemoración do Día Mundial da Infancia, que recorda a aprobación da Convención sobre os dereitos do neno pola Asemblea Xeral da ONU o 20 de novembro de 1989.
 
O acto contou coa participación de nenos, nenas e adolescentes representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de Moeche, Teo, Ames, Viveiro, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Redondela, Nigrán, Castrelo de Miño, Cabanas e Burela.
 
Tamén participou o o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, Jacobo Rey Sastre; a presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito; e representantes dos tres grupos parlamentarios con representación parlamentaria: Marina Ortega Otero (PSdeG-PSOE), Ramón Fernández Alfonzo (BNG) e Carmen Pomar Tojo (PPdeG).
 
A saúde mental e a non discriminación das nenas e nenos foi un dos  aspectos abordados  polos consellos locais de participación infantil e adolescente.
 
Vencer prexuízos
 
Neste sentido, Elena Candia animou a “vencer os prexuízos que rodean a enfermidade mental e falar abertamente  deste tipo de situacións, durante moito tempo estigmatizadas”, e felicitouse da crecente sensibilidade social respecto a esta realidade.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina