saltar ao contido

Declaración institucional con motivo do Día Mundial en memoria das vítimas de accidentes de tráfico e violencia viaria

No ano 2005 a Organización das Nacións Unidas instaurou o terceiro domingo do mes de novembro como o Día mundial en memoria das vítimas de accidentes de tráfico e violencia viaria.

Coincidindo con esta conmemoración, o Parlamento galego quere recoñecer o traballo feito polas asociacións de vítimas, así como o de moitas entidades públicas e privadas que, dun ou doutro xeito, están contribuíndo na elaboración e implementación de políticas públicas de seguridade viaria.

O traballo feito é moito, pero aínda é necesario seguir chamando a atención á sociedade e ás institucións sobre a obriga de mellorar a calidade de vida das vítimas de accidentes de tráfico.

Reafirmamos o compromiso deste Parlamento coa mellora continua da seguridade viaria. De feito, este mesmo ano a Comisión non permanente de seguridade viaria aprobou un documento, por unanimidade de todos os grupos políticos, que contribúe e complementa o Plan de seguridade viaria de Galicia 2022-2025, impulsado pola Xunta de Galicia e que cómpre seguir desenvolvendo en toda a súa intensidade. 

Valoramos o traballo das distintas administracións, organizacións sociais, empresas e cidadáns na mellora da seguridade viaria para seguir afondando nun maior compromiso político e unha mellor coordinación.
Agradecemos a dedicación e entrega de todos os axentes de tráfico e profesionais que traballan para mellorar a seguridade nas nosas estradas. E rendemos homenaxe aos que perderon a vida mentres traballaban para garantir a seguridade viaria dos demais.

Toda morte e lesión grave en tráfico é evitable e, polo tanto, inaceptable. Por iso, as políticas de seguridade viaria deben considerarse un investimento cun elevado nivel de retorno social, pois, ademais do sufrimento padecido por vítimas, familiares e persoas próximas, os accidentes supoñen perdas económicas significativas.

Ademais, a resposta integral ás vítimas de tráfico debe ser efectiva despois do sinistro, isto é, incluír apoio mental, social e legal para as vítimas, sobreviventes e as súas familias.

A seguridade viaria aféctanos e benefícianos a todos, e depende de cada un de nós. Debemos crear unha clara conciencia sobre os riscos, e fomentar un sentido de responsabilidade e respecto das normas de tráfico que garanta unha convivencia segura nas estradas e nas rúas.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina