saltar ao contido

O Parlamento de Galicia homenaxea a Carlos Casares no 20 aniversario do seu falecemento

  • O presidente da Cámara reivindica  a “biografía desbordante” de Casares e anima a cultivar o seu legado para “facer da cultura galega un lugar de encontro no que non sobra ninguén”

 

  • Una mesa redonda moderada pola presidenta do Consello da Cultura reúne a cinco exdeputados para reflexionar sobre o homenaxeado: Pilar García Negro, Miguel Barros Puente, Francisco Vázquez Vázquez, Xosé Luis Barreiro Rivas e Mariano Rajoy Brey
     

Santiago, 28 de novembro de 2022.- O Parlamento de Galicia acolleu este luns unha xornada conmemorativa do 20 aniversario do falecemento de Carlos Casares, escritor, xestor cultural e exdeputado da Cámara na primeira Lexislatura.

No inicio do acto, o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou  que “nada de canto sucede en Galicia pode resultar alleo a este Parlamento, que presenta unha dilatada folla de servizos". De maneira paralela á actividade institucional, o Parlamento de Galicia conta cunha axenda cultural propia, con intereses diversos, “pero sempre desde unha especial querenza pola nosa lingua, a nosa cultura e a nosa historia", explicou Santalices.

 

A cultura galega, lugar de encontro

A homenaxe celebrada hoxe é consecuencia dun acordo unánime da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia e con ela preténdese poñer o foco nos inicios do Lexislativo galego, mais tamén na “biografía desbordante" de Casares. Foi, a xuízo de Santalices,  “home poliédrico" que sempre se caracterizou por “unha visión integradora, que fariamos ben en emular, aspirando, coma el mesmo, a facer da cultura galega un lugar de encontro no que non sobraba ninguén".

No ano 2017, cando a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas a Casares, o Parlamento de Galicia publicou un volume dedicado ao escritor, obra do académico Henrique Monteagudo e titulado Carlos Casares no Parlamento de Galicia. “Para o Parlamento de Galicia -afirmou Santalices- é unha honra que dúas das figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas (Ramón Piñeiro e Carlos Casares) foran no seu momento deputados nesta Cámara".

 

Programa

Despois da súa intervención, o presidente da Cámara cedeu a palabra a Håkan Olof Casares Berg, fillo do homenaxeado.

De seguido, celebrouse unha mesa redonda, moderada pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, na que participaron Pilar García Negro, Miguel Barros Puente, Francisco Vázquez Vázquez, Xosé Luis Barreiro Rivas e Mariano Rajoy Brey: Os cinco foron convidados na súa condición de exdeputada/os da Cámara autonómica.

                  

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina