A Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 27 de xaneiro de 2023, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 29058 (11/PNC-002621)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Seco García, Martín e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para financiar o arranxo das pistas das concentracións parcelarias de Gorgullos e Viladabade, no concello de Tordoia
BOPG n.º 271, do 04.02.2022
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia, insta o Goberno galego a:
-Impulsar un Plan de rehabilitación de infraestruturas de concentración parcelarias xa rematadas.
-Realizar a comprobación do estado do firme das pistas das concentracións parcelarias xa decretadas de Gorgullos e Viladabade, no concello de Tordoia, e proceder ao seu mantemento no caso ser preciso."
- 34861 (11/PNC-003189)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rivas Cruz, Xosé Luís e 2 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno do Estado da retirada do Proxecto de real decreto polo que se establecen normas para a nutrición sustentable dos solos agrarios
BOPG n.º 320, do 19.05.2022
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
-Reclamarlle ao Goberno do Estado que modifique o Real Decreto 1051/2022 de 27 de decembro polo que se establecen normas para a nutrición sostible dos solos agrarios, que respecte as competencias de Galicia e que teña en conta a realidade das gandarías de vacún galego, evitando que as mesmas produzan un prexuízo para as gandarías tanto nos custos de adaptación das súas explotacións coma nas trabas burocráticas, e que se axuste á proposta da nova normativa europea de emisións industriais.
Analizar o Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, e que determine os aspectos e puntos nos que interfire nas competencias desta Comunidade Autónoma e tome as medidas pertinentes ao respecto."
- 44355 (11/PNC-003900)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Candia López, María Elena e 6 máis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para levar a cabo un plan estratéxico do sector hortícola de Galicia
BOPG n.º 416, do 02.12.2022
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a levar a cabo un plan estratéxico do sector hortícola de Galicia e consensuado co sector que impulse os cultivos e chegue un valor engadido ao consumidor final coa finalidade de ligar estas producións ao territorio e preservar a nosa identidade agraria."