saltar ao contido

O Parlamento de Galicia organizará un acto de homenaxe a Castelao para recoñecer o seu papel como presidente do Consello de Galiza

 

 

  • A decisión é froito das conversas entre os tres grupos da Cámara atendendo a unha solicitude impulsada polo Partido Galeguista

 

  • Santalices efectuou o anuncio no transcurso do acto conmemorativo do 137 aniversario do nacemento de Castelao celebrado no Panteón de Galegos Ilustres

     

 

 

Santiago, 29 de xaneiro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, anunciou este mediodía que a Cámara galega se dispón a organizar un acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pola súa condición de presidente, no seu momento, do Consello de Galiza, atendendo a unha petición impulsada polo Partido Galeguista e outras entidades.

 

Santalices efectuou o anuncio este mediodía, no transcurso da conmemoración do 137 aniversario do nacemento de Castelao, convocada polo Partido Galeguista no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago, onde repousan os restos do ilustre rianxeiro.

 

A homenaxe proxectada é froito das conversas celebradas en datas recentes entre os tres grupos parlamentarios da Cámara galega.

 

Na súa intervención, Santalices recordou que Galicia vén de celebrar o 40 aniversario da súa autonomía, “catro décadas de éxito nas que acadamos cotas de estabilidade, crecemento e benestar nunca antes coñecidas", aínda que “nada disto tería sido posible sen o labor dos nosos devanceiros, de galeguistas como Castelao, como Otero Pedrayo, como Risco, como Bóveda e como tantos e tantos outros".

 

“A eles -proseguiu Santalices- debemos a semente de democracia e autogoberno  que finalmente, superada para sempre a longa noite de pedra, agromou e estendeu raiceiras vigorosas na terra nai".

 

Presidente do Consello de Galiza

 

A xuízo do presidente do Parlamento, “Galicia está en débeda con todos eles, e moi especialmente con Castelao, como referente ético e pola súa condición de primeiro presidente do Consello de Galiza, constituído en Montevideo o 15 de novembro de 1944, como fideicomisario da vontade democrática de autogoberno truncada polo golpe de estado de 1936".

 

Para o titular do Lexislativo autonómico, este recoñecemento resulta extensivo a cantos coma Castelao, traballaron a prol do autogoberno democrático galego, incluíndo os restantes fundadores do Consello de Galiza, todos deputados galegos exiliados daquela en Sudamérica: Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde, Ramón Suárez Picallo e Alfredo Somoza, este último incorporado máis tarde, no ano 1947.

 

 

 

 

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina