saltar ao contido

Lusofonía e conexión de alta velocidade ferroviaria, claves de futuro para blindar a fraternidade luso-galaica, segundo o presidente do Parlamento

  • Santalices inaugurou esta tarde, no Centro Galego de Lisboa a exposición conmemorativa do 40 aniversario do Parlamento de Galicia
  • A exposición viaxa a Lisboa para reiterar a irmandade entre Galicia e Portugal, “dous pobos que compartimos lazos históricos, lingüísticos, culturais, políticos e mesmo de sangue”



​Santiago, 2 de febreiro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta tarde, na sede do Centro Galego de Lisboa, a exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia /1981-2021", que chega á capital portuguesa despois de exhibirse nas sete principais cidades galegas e na Casa de Galicia en Madrid.

A visita da mostra a Lisboa era unha cita obrigada para, en palabras de Santalices, “reiterar o sentimento de irmandade entre Galicia e Portugal, dous pobos que compartimos lazos históricos, lingüísticos, culturais, políticos e mesmo de sangue".

 

Integración modélica

No pasado, os dous pobos “viviron de costas e ollándose con desconfianza durante longas etapas históricas", unha realidade na que "o receo dos seus dirixentes contrastaba coa fraternidade das relacións interpersoais e tamén pola integración, realmente modélica, da emigración galega en Portugal".

Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia referiuse ao eixo central da exposición que hoxe abriu as súas portas en Lisboa, onde poderá visitarse ata o vindeiro 4 de marzo. A xuízo de Santalices, a autonomía foi, para Galicia, “unha experiencia de éxito" que se traduce en “mellores dotacións de todo tipo e  un crecemento exponencial da calidade de vida das persoas" ao longo destas últimas catro décadas.

 

Lealdade institucional

Ao seu xuízo, “unha das claves do éxito da nosa autonomía reside na exquisita lealdade ao marco constitucional e ao conxunto das institucións do Estado, antepondo sempre os intereses da cidadanía a calquera outra consideración: lexislar e gobernar para a xente, co ben común como obxectivo compartido".

Recordou o titular do Lexislativo autonómico que neste clima aflorou a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, “realmente modélica froito do traballo de persoas e de institucións diversas, entre as que quero subliñar expresamente a Comunidade de Traballo Galicia.-Norte de Portugal, sinalada con frecuencia como exemplo para o resto dos territorios fronteiros do vello continente".

Para Santalices “os froitos abundantes da cooperación fronteiriza constitúen un aliciente para seguir cooperando no futuro, se cabe aínda con maior intensidade, sen máis limitacións que o respecto e a comprensión mutuos".

 

Lusofonía e alta velocidade

O presidente do Parlamento de Galicia subliñou que “afondarmos nos vínculos coa lusofonía e executarmos un traxado de alta velocidade ferroviaria que blinde para sempre a fraternidade luso-galaica constitúen un reto compartido que, entre todos, seremos quen de materializar e que a todos ha de reportar beneficios".

Santalices Vieira foi precedido no uso da palabra polo comisario da mostra, o profesor Ramón Villares; e polo presidente de Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, José Luis Bescos.

A mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia /1981-2021" fai un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración

da autonomía galega.

Foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

 

Instituto Camões

A primeira hora da tarde, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, mantivo un encontro co  presidente do Instituto Camões, João Ribeiro de Almeida, ao que explicou os obxectivos da Lei Valentín Paz Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, aprobada, por unanimidade, pola Cámara galega no ano 2014, e que ten a súa orixe nunha iniciativa lexislativa popular.

Mañá venres, ás 11,00 h. o titular da Cámara galega reunirase co presidente de la Asamblea de la República de Portugal, Augusto Santos Silva, no Pazo de San Bento.​

Saúdos, Gabinete de Comunicación.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina