2030, o ano en que as cifras do cancro se disparan: vaino ter un de cada dous homes, así como unha de cada tres mulleres.
Só en España cada hora diagnostícanse 32 novos casos e é a segunda causa de morte no noso país.
Con estas cifras, é o momento de pasar á acción e de multiplicar o esforzo na loita contra o cancro.
O Goberno de España declarou a iniciativa “Todos contra o cancro" como Acontecemento de Excepcional Interese Público, (2022-2024), unha oportunidade sen precedentes para concienciar e mobilizar a sociedade española sobre a importancia de sumar os recursos e as capacidades de todos ao redor dun gran programa de acción contra o cancro, que incremente os recursos dispoñibles para proxectos de prevención, investigación, atención e divulgación.
É o momento de dar o primeiro paso para conseguir cambiar as cifras. “Todos contra o cancro" ten unha misión moi clara: alcanzar o 70 % da supervivencia en cancro en España para 2030.
Por todo iso, pedimos un esforzo para impulsar o proxecto “Todos contra o cancro" e así conseguir os seguintes retos:
1. Divulgación: visibilizar o cancro e o seu impacto na sociedade buscando a mobilización social ao redor da causa do cancro.
2. Prevención: incrementar a concienciación social sobre a prevención e detección precoz do cancro, e fomentar a adopción de hábitos de vida saudables e participación en programas de detección precoz por parte da sociedade.
3. Atención: incrementar a atención a pacientes e familiares para mitigar e paliar as necesidades clínicas e non clínicas.
4. Investigación: incrementar a investigación oncolóxica para que aumente a taxa de supervivencia en cancro, e buscar a excelencia e a translacionalidade, de forma que os resultados lle cheguen ao paciente grazas ao financiamento.
O que fagamos hoxe pode cambiar o noso mañá, pero só se nos unimos “Todos contra o cancro".
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023