Unha delegación da Cámara galega entrevistouse co presidente, con rango de ministro, da Comisión de Nacionalidades Minoritarias do Parlamento chinés, interesado no papel das autonomías como elemento para o progreso social
Pekín, 17 de xuño de 2011.- A delegación da Camara galega que hoxe chegou a China convidada polas autoridades dese país para afondar no coñecemento do sistema de autogoberno e tender pontes co xigante asiático, entrevistouse esta tarde co presidente da Comisión de Nacionalidades Minoritarias da Asemblea Nacional (Parlamento chinés), Wang Jingyu, co que analizaron o funcionamento das institucións autonómicas de Galicia.
Os integrantes da delegación galega -Román Rodríguez, viceportavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG; Carlos Aymerich, portavoz parlamentario do BNG; e Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), experto na realidade chinesa- abordaron con Wang Jingyu, que ten rango de ministro, o funcionamento do modelo autonómico no que se sustenta o autogoberno de Galicia.
Autonomías en China
Ao tempo, o político chinés e varios dos seus colaboradores, explicáronlle á delegación galega as peculiariedades do sistema chinés, no que conviven un total de 155 entes autonómicos de diferente tipo, 5 dos cales -as rexións autónomas- son os que exercen a maior capacidade de autogoberno.
A delegación galega continuou o seu traballo cunha reunión co presidente da Academia Chinesa de Ciencias Sociais e un dos seus académicos, un hispanista. Esta sesión de traballo continuará mañá cunha ducia de integrantes da Academia Galega de Ciencias Sociais.
A viaxe desta delegación parlamentaria galega responde a unha invitación formulada polas autoridades chinesas, que tamén elaboraron o programa, para afondar no coñecemento do sistema autonómico español, pero tamén para tratar de abrir novas oportunidades para Galicia no campo da economía, as relacións institucionais ou a universidade.