saltar ao contido

Ourense acolle desde mañá unha escolma da colección de arte do Parlamento de Galicia

 

 

  • A mostra, titulada “A Nosa Arte", continúa a súa itinerancia en Ourense, onde se inaugura mañá mércores ás 19,30 h. na sede Afundación

 

  • Está organizada coa colaboración da Xunta e Afundación e comisariada por tres académicos da Real Academia Galega de Belas Artes

     

 

Santiago, 20 de xuño de 2023.- A exposición itinerante integrada por unha escolma das máis de 300 pezas que conforman a colección de arte do Parlamento de Galicia poderá visitarse na sede Afundación de Ourense entre o 21 de xuño e o 21 de xullo, e do 1 de setembro ao 21 de outubro.

 

A exposición, titulada A Nosa Arte", recala en Ourense logo de estar aberta en Vigo e Ferrol nos últimos meses.  

 

O Parlamento de Galicia conta coa colaboración da Xunta de Galicia e de Afundación para executar este proxecto expositivo, no que tamén participa a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

 

A mostra está comisariada por tres académicos da institución: a catedrática emérita de Historia da Arte e arquiveira-bibliotecaria da Academia, María Victoria Carballo-Calero; e os académicos da sección de Arqueoloxía e Museoloxía Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez. Os tres foron os encargados de realizar a escolma das obras que se amosarán na exposición; a maior parte delas percorrerán todas as cidades, mentres que arredor dunha cuarta parte irán mudando en función da urbe na que se exhiban.

 

E exposición itinerante “A Nosa Arte" enmárcase na programación cultural do Parlamento de Galicia e xurde cun dobre obxectivo: dar a coñecer a colección de arte da Cámara galega e achegar o poder lexislativo galego á cidadanía.

 

A inauguración da mostra está revista para mañá mércores, 21 de xuño ás 19,30 h. na sede Afundación de Ourense (Praza Maior, 4).

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina