saltar ao contido

O Parlamento de Galicia elixe aos tres senadores representantes da Comunidade Autónoma

 

  • Tamén elixiu a Juan Carlos Aladro Fernández como conselleiro do Consello de Contas de Galicia

 

Santiago, 28 de xullo de 2023.- O Pleno do Parlamento de Galicia elixiu esta mañá, en sesión extraordinaria aos tres senadores representantes da Comunidade Autónoma para a XV Lexislatura das Cortes Xerais. Resultaron elixidos José Manuel Baltar Blanco e José Manuel Rey Varela, en representación do Grupo Parlamentario Popular; e María Carme da Silva Méndez, en representación do  Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego.

 

José Manuel Baltar Blanco é licenciado en Dereito e funcionario do Corpo Superior de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre os anos 1998 e 2001 foi delegado provincial en Ourense da Consellería de Agricultura e Política Agroalimentaria. Entre os anos 2001 e 2012 foi deputado no Parlamento de Galicia, chegando a exercer como vicepresidente 1º da Mesa ao longo da VIII Lexislatura.  O 6 de febreiro de 2012 foi elixido presidente da Deputación Provincial de Ourense, cargo que deixou o pasado mes de xuño unha vez celebradas as eleccións municipais.

 

Desde o ano 2000 é membro da Xunta Directiva Provincial do Partido Popular de Ourense e desde 2001 forma parte da Xunta Directiva do Partido Popular de Galicia. En 2010 foi elixido presidente do PP de Ourense, responsabilidade que segue ostentando na actualidade.

 

Ata agora foi tamén membro da Xunta de Goberno da FEMP; presidente de Partenalia (rede europea de gobernos provinciais); e da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), e vicepresidente da CEPLI (Confederación Europea de Poderes Locales Intermedios).

 

José Manuel Rey Varela é licenciado en Dereito e especialista en Liderado de Xestión Pública polo IESE Business School. No ano 2002 entrou na Corporación Municipal de Ferrol, converténdose no concelleiro máis novo e asumindo a Portavocía adxunta do Grupo Municipal Popular. Foi concelleiro de Facenda, Patrimonio, Emprego e Xuventude durante o mandato popular 2003-2007 neste concello e deputado provincial en A Coruña entre 2007 e 2011.

 

Foi alcalde de Ferrol e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) entre 2011 e 2015, ano no que foi nomeado conselleiro de Política Social da Xunta e onde permaneceu ata 2018. Nas pasadas eleccións autonómicas de 2020 foi elixido deputado no Parlamento de Galicia, cargo que deixou o pasado mes de xuño para tomar posesión como alcalde de Ferrol. Tamén é presidente do PP de Ferrol.

 

Carme da Silva ten unha dilatada experiencia política e tamén parlamentaria: foi deputada do BNG entre 2005-2009 e tamén exerceu como  deputada en 2012 durante a VIII Lexislatura, concelleira no Goberno local de Pontevedra, onde na actualidade é responsable da Concellería de Planificación Territorial e foi a cabeza de candidatura ao Congreso por esta provincia.

 

Ademais é tamén a responsable da área de Política Municipal dentro da Executiva nacional e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio.

 

Consello de Contas

 

Previamente, noutra sesión específica, o Pleno do Parlamento de Galicia elixiu a Juan Carlos Aladro Fernández para cubrir unha vacante  como conselleiro do Consello de Contas de Galicia. Juan Carlos Aladro compareceu, previamente, nunha sesión da Comisión 1ª, Institucional, celebrada o pasado 18 de xullo.

 

Licenciado en Dereito e diplomado en Criminoxía, Juan Carlos Aladro Fernández desempeñou toda a súa actividade profesional en Galicia como funcionario da carreira fiscal, exercendo, no seu último destino, como fiscal xefe provincial de Pontevedra entre 2007 e 2023.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina