saltar ao contido

Juan Carlos Aladro Fernández toma posesión como conselleiro do Consello de Contas de Galicia

  • Substitúe a José Antonio Redondo López, que renunciou o pasado 7 de xullo por razón de idade

 

  • O presidente do Parlamento  recorda que “a xestión dos recursos públicos está sometida a sólidos mecanismos de control, pero a cidadanía non sempre é consciente diso"

     

Santiago, 2 de agosto de 2023.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de toma de posesión de Juan Carlos Aladro Fernández como conselleiro do Consello de Contas de Galicia, logo da renuncia, por razón de idade, o pasado 7 de xullo, de José Antonio Redondo López.

 

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que a vacante quedou provista en menos dun mes, evidenciando a “responsabilidade capital" que ten atribuída o Consello de Contas. Agradeceu o traballo e a responsabilidade dos grupos parlamentarios por facilitar a elección do novo conselleiro de Contas, evidenciando o “normal funcionamento das institucións". “En Galicia, por fortuna, non houbo nin hai bloqueos  institucionais como os que padecen noutras latitudes", dixo.

 

Do novo conselleiro do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro Fernández, o presidente do Parlamento subliñou   que se trata dun “home de sólida formación xurídica!", con experiencia docente e numerosas publicacións no seu haber. Desempeñou toda a súa actividade profesional en Galicia como funcionario da carreira fiscal, exercendo, no seu último destino, como fiscal xefe provincial de Pontevedra entre 2007 e 2023.

Fortaleza dos mecanismos democráticos de control

 

En opinión de Santalices, o recoñecemento expresado polos grupos parlamentarios respecto ao traballo que desenvolve o Consello de Contas evidencia “a fortaleza dos mecanismos democráticos de control dos que se ten dotado a autonomía galega e as institucións que a conforman".

 

Abundando nesta idea, Santalices apuntou que “a xestión dos recursos públicos está sometida a sólidos mecanismos de control, internos e externos, que culminan no Consello de Contas, pero teño a sensación de que a cidadanía non sempre é consciente diso. Cómpre facérllelo saber, para reforzar a confianza nas institucións e no estado de dereito no seu conxunto".

 

​ 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina