3.1 55234 (11/MOC-000170)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio
Sobre a política de recursos humanos no Servizo Galego de Saúde (Moción consecuencia da Interpelación doc. núm. 54463, publicada no BOPG núm. 510 do 21 de xuño de 2023, e debatida na sesión plenaria do 4 de xullo de 2023)
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 523, do 12.07.2023
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Elaborar e remitir ao Parlamento en menos de dous meses un informe que inclúa, como mínimo, o volume e formatos de vinculación laboral dos profesionais sanitarios no Sergas, desagregado por áreas sanitarias e distribuído por categorías laborais.
2. Aplicar un plan de choque fronte á precariedade e eventualidade no Sergas, cun obxectivo de reducir e manter por debaixo do 8% o volume de persoal en situación de eventualidade, e que inclúa, entre outras, medidas como:
a. Contratación do persoal substituto (por baixas, vacacións, etc.) polo
tempo completo de duración da ausencia do/a profesional a cubrir.
b. Estender ao completo do persoal do sistema sanitario a carreira
profesional.
c. Ampliar o volume de ofertas públicas de emprego para profesionais
destinados ao sistema público de saúde.
3. Ampliar a 3 anos a oferta de contratos de continuidade para facultativos e estender o formato a outras categorías laborais, especialmente enfermería" .
3.3 55236 (11/MOC-000172)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Aira Díaz, María del Carmen
Sobre a política de investigación para afrontar a seca derivada do cambio climático (Moción consecuencia da Interpelación doc. núm. 55835, publicada no BOPG núm. 499 do 31 de maio de 2023, e debatida na sesión plenaria do 4 de xullo de 2023)
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 523, do 12.07.2023
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Abordar dun xeito global o problema da seca derivada do cambio climático que afecta ás producións vexetais para consumo humano.
2. Implicar ao sistema investigador agrario e á universidade:
2.1.- Na realización de estudos inmediatos sobre os graos de afectación do territorio galego e dos seus solos.
2.2.- No establecemento de liñas de investigación en relación:
2.2.1.- Ao ciclo da auga, novas captacións, aproveitamento d e augas para rego, e rego sostible.
2.2.2.- Á apertura de liñas de investigación xenética para atopar novas variedades vexetais para consumo humano resilientes á seca e ás enfermidades que provoca.
2.2.3.- Á diminución do uso de fitosanitarios de acordo coa normativa europea e respectando a biodiversidade e clima.
3. Que se potencie o sistema de transferencia de coñecemento agrario para achegar o produto das investigacións ao sector, as organizacións e as institucións para que o mesmo chegue ao seu fin e sexa utilizado na agricultura e ámbitos relacionados".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.