O pasado sábado, un terremoto de magnitude 7 sacudiu distintas rexións en Marrocos. Un sismo, o máis devastador que sufriu o país ao longo da súa historia, que causou grandes danos humanos e materiais.
Esta é unha traxedia que sentimos preto, sobre todo polo importante número de persoas de orixe marroquí que viven en Galicia.
No día de onte, o pobo de Libia viuse gravemente afectado polas inundacións que provocou o ciclón Daniel, que causou graves danos persoais e materiais nese país.
Polo momento hai confirmadas, en ambos os dous países, milleiros de persoas falecidas e milleiros de persoas feridas, ademais de centos de persoas desaparecidas, que se unen aos milleiros de persoas que perderon as súas casas e os seus negocios.
Estes datos evidencian a magnitude das catástrofes vividas por estes países e a necesidade de colaborar con axuda humanitaria e con todos os medios dispoñibles ao noso alcance para axudar na busca e no rescate das persoas desaparecidas.
Por todo isto, o Parlamento de Galicia
1. Mostra a súa solidariedade e apoio ao pobo de Marrocos e a pobo de Libia fronte ás terribles catástrofes naturais que afectaron estes países. Así mesmo, quere facer extensiva esta solidariedade a todas as persoas marroquís e libias residentes na nosa comunidade.
2. Traslada o pésame e a profunda dor ás familias e achegados das persoas falecidas, mostrando a súa proximidade e fondo pesar.
3. Traslada ás persoas feridas o seu desexo dunha pronta recuperación e lamenta os danos materiais producidos.
4. Mostra o seu respecto e admiración cara a todas as organizacións e persoas que se atopan traballando nas tarefas de rescate e salvamento, e pon á súa disposición todo o que estea na súa man para colaborar no que se considere oportuno.
5. Trasladará esta declaración institucional ás embaixadas de Marrocos e de Libia en Madrid para que, empregando as vías diplomáticas que consideren oportunas, a fagan chegar aos seus dirixentes.
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023