saltar ao contido

Santalices reivindica o “papel determinante" da universidade no desenvolvemento de Galicia

  • O presidente do Parlamento de Galicia clausurou en Fonseca o primeiro encontro Alumni da Universidade de Santiago

 

Santiago, 22 de setembro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde no primeiro encontro Alumni da Universidade de Santiago de Compostela, no que se deron cita antigos alumnos e alumnas da institución baixo o título “A universidade despois da universidade".

 

No acto, celebrado no Pazo de Fonseca, Santalices subliñou o “papel determinante" da universidade para o desenvolvemento de calquera sociedade, e particularmente para a galega.

 

“O avance rexistrado por Galicia no derradeiro medio século foi realmente espectacular", avance que o presidente do Parlamento autonómico atribuíu a tres factores. Referiuse, en primeiro lugar, á implantación da democracia e o posterior desenvolvemento da autonomía “que nos permitiu decidir por nós mesmos aspectos tan importantes como o ensino, a sanidade, ou as obras públicas", entre outros.

 

Paralelamente, o ingreso na Unión Europea brindou recursos económicos ao tempo que impulsou a modernización de todo o  tecido produtivo e da sociedade no seu conxunto.

 

Como terceiro factor, referiuse  ao avance educativo en todos os niveis, tamén no universitario. “Despois de décadas e séculos nos que a educación superior era un privilexio reservado a uns poucos, o acceso á universidade converteuse nunha realidade practicamente ao alcance de todas e todos", afirmou Santalices Vieira.

 

O feito de que a Galicia actual dispoña de tres universidades públicas e sete campus fai que a Comunidade conte coa “mocidade mellor formada  de toda a nosa historia, unha feliz realidade que nos permite ollar o futuro con optimismo", aseverou o titular do Lexislativo galego.

 

O presidente do Parlamento amosouse orgulloso pola súa condición de antigo alumno da USC, “unha universidade cinco  veces centenaria, sempre prestixiosa, outrora e agora".

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina