saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 22 de novembro de 2023

         

4.1    57950 (11/PNP-004663)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Díaz Varela, Noa Susana e Otero Lago, Noelia

Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para avanzar na erradicación da violencia sexual

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 552, do 30.08.2023

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

 

1. Dar cumprimento ao artigo 7 da lei orgánica de garantía integral da

liberdade sexual en materia de educación afectivo-sexual e do uso axeitado das novas tecnoloxías para avanzar na erradicación da violencia sexual.

 

2. Elaborar, antes de que remate o primeiro semestre do ano 2024, unha guía con material informativo actualizado en materia de sexualidade que recolla recursos dirixidos ás familias.

 

3. Elaborar unha campaña de grande alcance dirixida á mocidade sobre o perigo do consumo de contidos dixitais pornográficos baseados na violencia sexual contra as mulleres. A campaña, realizada para a súa

difusión en todos os soportes, enviarase a todos os centros educativos galegos e aos concellos e estará dispoñible para calquera organización que a solicite.

O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego para que se dirixa ao Goberno de España e lle solicite:

 

a.- Garantir  o cumprimento, por parte dos prestadores do servizo de intercambio de vídeos a través de plataforma, da obriga de aplicar sistemas efectivos de verificación da maioría de idade nas plataformas e páxinas web con contidos pornográficos, poñendo os medios suficientes e adoptando os mecanismos necesarios.

 

b.- Establecer por lei que todos os dispositivos con conexión a internet que se poñan á venda en España inclúan control parental de forma predeterminada".

        

4.2    58152 (11/PNP-004684)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Fernández Alfonzo, Ramón e 2 máis

Sobre as medidas que debe demandar a Xunta de Galicia ao Goberno central co obxecto de resolver os problemas xerados polo proceso de transición derivado do peche da central térmica das Pontes

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 552, do 30.08.2023

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a esixir ao Goberno do Estado:

 

"1. O mantemento dos 1.400MW de evacuación da CT de carbón das Pontes no nó de Transición xusta do Concello das Pontes, e a convocatoria inmediata e urxente do Concurso de transición xusta para a adxudicación de 700 MW dos grupos 3 e 4 deste nó de transición co mesmo procedemento empregado para adxudicar o acceso ao nó da CT de Andorra-Teruel, mantendo dispoñíbeis para o sistema os dous grupos restantes ata que non se garantan as condicións socioecómicas precisas para unha verdadeira transición coa execución dos proxectos alternativos de continuidade, momento no que a súa capacidade tamén será obxecto de concurso.

 

2. A convocatoria inmediata e urxente da Mesa de transición xusta das Pontes, coa participación de todos os seus integrantes e unha representación de REDEIA como operador do sistema".

        

4.3    60354 (11/PNP-004865)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Sobre a proposta de resolución que se presenta co fin de que o Parlamento de Galicia exprese o seu rexeitamento a calquera tipo de amnistía, lembre o necesario compromiso dos poderes públicos co imperio da lei e anime á adopción de acordos de Estado

Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 570, do 27.09.2023

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia acorda, como Resolución:

 

1.- Rexeitar calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado para calquera grupo de cidadáns, calquera que sexa o seu delito.

 

2.- Considerar que o imperio da lei é a expresión da vontade popular, tal e como establece o preámbulo da Constitución, e compromete a todos os poderes ao seu cumprimento.

 

3.- Animar aos dous partidos maioritarios a buscar acordos de Estado que eviten que a sociedade española estea sometida ás condicións ilegais de partidos independentistas".

 

        

4.4    61288 (11/PNP-004954)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Balseiro Orol, José Manuel e 7 máis

Sobre as actuacións que a Xunta de Galicia debe demandar ao Goberno central co fin de que posibilite que a industria electrointensiva, como é o caso de Alcoa en Galicia, poida ser competitiva

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 585, do 25.10.2023

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para solicitarlle que:

 

1.- Aprobe, con carácter inmediato, un marco de subministración eléctrica competitiva, estable e predicible para empresas como a de Alcoa, que teñen un carácter electrointensivo.

 

2.- Modifique o Estatuto dos consumidores electrointensivos para que a industria electrointensiva española compita en igualdade de condicións con respecto ao resto de industrias europeas.

 

3.- Incremente a dotación orzamentaria máxima permitida pola normativa europea para a compensación dos costes indirectos por CO2 da industria electrointensiva.

 

4.- Active canto antes mecanismos de interrumpibilidade efectivos para reducir o prezo eléctrico da industria electrointensiva.

 

5.- Impulse mecanismos que activen e posibiliten a contratación de PPAs para as industrias electrointensivas, tal e como fixo a Xunta e que favoreceu a firma de dous contratos PPAs por parte de Alcoa con promotores de proxectos eólicos.

 

6.- Manteña a bonificación de peaxes do 80%."

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina