A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 28 de novembro de 2023, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 60776 (11/PNC-005082)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe facer ao Goberno central co obxecto de que realice as xestións necesarias para evitar o bloqueo da comercialización da quenlla capturada legalmente
BOPG n.º 578, do 11.10.2023
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para realice as xestións necesarias ante as autoridades europeas e internacionais, co fin de evitar o bloqueo da comercialización de exemplares de quenlla, legalmente capturados que daría lugar a un gran impacto socioeconómico global".
- 61900 (11/PNC-005194)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre determinadas demandas que a Xunta debe facer ao Goberno central respecto das reparticións dos totais admisibles de capturas (TAC) e en materia de política pesqueira
BOPG n.º 595, do 15.11.2023
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
- Reclamar do Goberno do Estado
. Que, diante do Consello de Ministros de Pesca da UE do vindeiro mes de decembro, vete calquera redución de cotas que sigan afectando gravemente á frota galega e que, á par das razóns medioambientais, se teñan en conta as sociais e económicas para a frota e as zonas costeiras onde se asenta.
. Que avance nas medidas de cobertura económica da frota que se vexa afectada pola posíbel redución de cotas, principalmente as de xurelo, xarda, anguía, abadexo e cigala, tendo en conta os recortes do último ano e os prexuízos económicos que xa veñen soportando os distintos subsectores da pesca.
. Que, de non acadarse acordo entre os países que forman parte da NEAFC para a distribución das cotas da xarda para 2024 e, tendo en conta os antecedentes, inste á UE a tomar medidas para impedir a entrada de xarda deses países no mercado europeo.
- Avanzar na elaboración e aprobación do seu propio plan de axudas económicas para a frota galega perxudicada polas posíbeis decisións do vindeiro Consello de Ministros do mes de decembro, para complementar as que puidera poñer en marcha o Goberno do Estado.
- Instar ao Goberno do Estado e á Unión Europea a iniciar o procedemento que leve a unha profunda reforma da PPC e evite que continúe a desaparición da frota galega comezada hai máis de 20 anos".