• Núñez Feijóo e Rojo Noguera inauguraron a mostra nun acto que contou coa asistencia de personalidades que ocuparon un papel destacado naqueles anos, como o expresidente da Xunta, Fernández Albor, ou o expresidente do Parlamento, Pérez Vidal
• Pilar Rojo recorda que na época que percorre a exposición (1981-1989) “se fraguaron grandes consensos” e rende homenaxe a cantos traballaron “naqueles difíciles comezos”
• “Afondar no coñecemento da nosa historia recente e no exemplo dos devanceiros que nos precederon nas tarefas parlamentarias pode e debe contribuír á concordia”, afirma Rojo Noguera
Santiago, 4 de xullo de 2011.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e maila presidenta do Parlamento, Pilar Rojo Noguera, inauguraron este mediodía na Cámara galega a exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, organizada no marco da celebración do 30 aniversario do lexislativo autonómico e que efectúa un percorrido polas orixes da institución e o proceso de constitución do autogoberno da Comunidade Autónoma.
A presidenta do Parlamento explicou que a conmemoración do 30 aniversario da Cámara –constituída por vez primeira o 19 de decembro de 1981- ten a concordia como eixo principal. “A concordia ben entendida, como unha relación entre persoas en harmonía e respecto, máis aló das súas diferenzas de criterio e das súas posturas ideolóxicas afastadas”.
Recordou, nesta liña, que foi nesta Cámara, e naquela época, “onde se fraguaron os grandes consensos que permitiron a aprobación das leis básicas emanadas do noso Estatuto de Autonomía de 1981. Unhas leis esenciais que lle permitiron á nosa Comunidade ir medrando pouco a pouco no seu autogoberno, na súa autoestima e tamén no seu benestar”.
A presidenta da Cámara lexislativa galega recordou que pese ao esquecemento que rodea esa época, os anos nos que se centra a exposición inaugurada hoxe foron “moi intensos e ricos en vivencias, e resultaron decisivos no noso devir para a estruturación e o posterior desenvolvemento autonómico”.
Con estes antecedentes, “pensamos que este era o momento e o marco ideal para rescatar e poñer en valor os feitos e as vivencias máis salientables das dúas primeiras lexislaturas, que configuran claramente a primeira etapa do Parlamento de Galicia desde unha perspectiva histórica que remata coa chegada de Manuel Fraga”.
Coñecer a historia
A xuízo de Rojo Noguera, “afondar no coñecemento da nosa historia recente e, particularmente, no exemplo dos devanceiros que nos precederon nas tarefas parlamentarias pode e debe contribuír á concordia da que falaba. E pode e debe axudar a construír a Galicia do presente e do futuro”.
Do mesmo xeito, en palabras da xefa do lexislativo autonómico, “esta mostra pretende ser un acto de homenaxe en recordo dos deputados e das deputadas das dúas primeiras lexislaturas do Parlamento de Galicia, que nos deixaron o listón moi alto, co seu traballo arreo naqueles difíciles comezos da nosa primeira institución pública”.
Pilar Rojo personalizou esa homenaxe no primeiro presidente do Parlamento de Galicia, Antonio Rosón, xa falecido, e no primeiro presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, que asistiu ao acto inaugural canda outras personalidades daquela etapa, como o ex-presidente da Cámara, Tomás Pérez Vidal, representantes das principais institucións da Galicia actual eo alcalde de Santiago, entre outros.
Homenaxe a todos os ex-deputados
Rojo Noguera fixo extensivo este sentimento de homenaxe e gratitude “a todos os deputados e deputadas que compartiron escanos, alegrías e desgustos en Xelmírez, en Fonseca e na sede definitiva do noso Parlamento, no Pazo do Hórreo”.
A presidenta referiuse expresamente ás catro primeiras deputadas que ocuparon un escano, “pioneiras da presenza da muller nas institucións, hoxe felizmente normalizada. Ninguén debe esquecer que elas foron as primeiras.
“Para todos eles, para as 162 deputadas e deputados de entón, o noso recoñecemento e a nosa admiración e agradecemento polo bo traballo feito en momentos non sempre doados”.
Pilar Rojo concluíu a súa intervención destacando a vocación “claramente didáctica” da mostra, polo que animou a todas as galegas e galegos a visitala, e especialmente á Comunidade escolar.
A mostra, aberta ao público no Pazo do Hórreo, ofrece ao visitante unha visión plural sobre a etapa preautonómica e as dúas primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia.
Material diverso
A través de 24 paneis con textos, fotografías e viñetas, e outros dous con material audiovisual da época, o visitante pode efectuar un percorrido pola historia e as primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.