saltar ao contido

Unha exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia abrirá as súas portas a próxima semana en Buenos Aires e Montevideo

  • A mostra, titulada “El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia" da continuidade á que se organizou para conmemorar o 40 aniversario da Cámara, comisariada por Ramón Villares

 

  • Será inaugurada o martes 12 de decembro en Buenos Aires e o venres 15 en Montevideo coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira

 

 

Santiago, 9 de decembro de 2023.- Unha exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia recalará a próxima semana en Buenos Aires e Montevideo, dúas das capitais da diáspora galega, respondendo a cadansúa invitación cursada ao Lexislativo autonómico.

 

A exposición titúlase “El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia" e está integrada por gran parte dos materiais da mostra  O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021, organizada para conmemorar as catro primeiras décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez.

 

En Buenos Aires, a exposición será inaugurada o martes 12 de decembro, ás 18,30 h, no Centro Galicia. En Montevideo, a inauguración está prevista para o venres 15 de decembro, na sede do Poder Lexislativo da República Oriental do Uruguay. A delegación galega que participará nas inauguracións estará integrada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e polo comisario da mostra, Ramón Villares.

 

A mostra orixinal permaneceu aberta ao público na sede do Lexislativo autonómico entre o 15 de decembro de 2021  e o 15 de marzo de 2022, para iniciar despois un percorrido polas principais cidades galegas, ademais de visitar Madrid e Lisboa. Foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, que contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

 

Materiais

 

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia. A necesidade de  duplicar os materiais que integran a mostra -que estará aberta de maneira simultánea nas dúas capitais- e o estado delicado de algúns documentos que se amosaron inicialmente, aconsellou encargar copias dos mesmos en lugar e de amosar algúns dos orixinais.

 

Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar  copias da Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou do mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.

 

A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina