Santiago, 2 de agosto de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este venres no Encontro de Verán de ASOMEGA 2024, celebrado na Academia Galega de Seguridade de A Estrada. Nesta edición, o Encontro de Verán rendeu homenaxe a Manuel Reimóndez Portela (A Estrada, 26 de marzo de 1916 - 20 de xuño de 1994) referente da medicina rural do que se cumpren 30 anos do seu falecemento.
Para Santalices, a figura do doutor Reimóndez Portela é “un exemplo de médico humanista, sempre entregado aos seus pacientes, sempre preocupado pola cultura e sempre na procura do ben común". A xuízo do xefe do lexislativo galego e na memoria de moitos é lembrado como “o médico dos pobres", porque o Dr. Reimóndez Portela antepuxo sempre “o benestar do enfermo a calquera outra consideración".
Ademais da súa labor como profesional da medicina, o presidente da cámara galega destacou a traxectoria de Reimúndez Portela como alcalde de A Estrada e como presidente da denominada Comisión dos 16, que elaborou o primeiro anteproxecto do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia nos primeiros anos da democracia, méritos que lle foron recoñecidos, a el e aos restantes integrantes daquel grupo, coa Medalla do Parlamento de Galicia de 2017.
Na súa intervención Santalices Vieira tamén tivo palabras de felicitación á Asociación de Médicos Galegos pola “moi merecida" Medalla Castelao, que recibiron o pasado 28 de xuño de man do presidente da Xunta de Galicia como recoñecemento ás tres primeiras décadas de existencia e de “traballo vizoso".
Saúdos Gabinete de Comunicación.