Santiago, 25 de setembro de 2024.- O Parlamento de Galicia inaugurou hoxe as obras de reforma coas que suprimen as barreiras arquitectónicas e se ordenan os tráficos rodados no acceso do centenario edificio que recupera así o servizo de entrada pola compostelana rúa do Hórreo.
O presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, celebrou este acto de “profunda significación, non só para o Parlamento senón para o conxunto da sociedade galega", porque entende que representa “a imperiosa necesidade de derrubar as barreiras que condicionan a plena inserción das persoas con calquera tipo de discapacidade".
Na súa intervención fixo un chamamento ás administracións públicas en xeral para ir sempre un paso por diante e dando exemplo, con obras como a que hoxe se puxo en servizo para superar definitivamente as barreiras arquitectónicas que dificultaban, cando non impedían, o acceso das persoas con discapacidade á sede do Lexislativo galego.
Santalices explicou que a intervención arquitectónica no centenario edificio datado en 1915 abordou tamén a ordenación do tráfico rodado peonil, que ata o de agora compartían espazo nunha rampla empinada e de firme irregular, e mellora a protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas para os grupos das diferentes visitas guiadas do programa “Coñece as túas institucións" que impulsa o Parlamento de Galicia.
O presidente do Lexislativo galego destacou do proxecto arquitectónico de reforma a súa luminosidade, funcionalidade e a integración nun contexto de contundente monumentalidade como o que conforma o pazo do Hórreo.
Edificio histórico
A reforma xurde da necesidade de dispor dun espazo de recepción cuberto, previo ao ingreso, especialmente para grupos, no que se recollesen os servizos de seguridade e control, así como o acceso ao aparcamento subterráneo, mellorando a accesibilildade e dotandoo de sistemas de eficiencia enerxética e aportación de renovables.
Para a mellora da accesibilidade, as comunicación verticais resólvense con asecensores mentres que as horizontais, tanto exteriores como interiores, son prácticamente planas
O Pazo do Hórreo é un edificio centenario: entrou en servizo en 1915 como escola de veterinaria, pero axiña mudaría de uso -nos anos 20 do século pasado- para albergar un cuartel militar ata que en 1986 a Xunta o mercou ao Ministerio de Defensa para convertelo na sede do Parlamento de Galicia.
Posteriormente, unha rehabilitación modélica, obra de Andrés Reboredo, permitiu dotar á Cámara galega dunha sede definitiva, despois de ter itinerado por dous espazos prestados: os pazos de Xelmírez e de Fonseca.