Santiago, 14 de outubro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou hoxe, no acto de conmemoración dos 70 anos da inauguración do monumento dedicado a Rosalía de Castro no Porto, o seu protagonismo no Rexurdimento literario galego nunha época na que a nosa lingua estaba moi desprestixiada.
Santalices referíuse á súa obra poética, tanto en galego como en castelán, como un dos piares dos principios que orientaron o Saudosismo, o movemento estético e literario que encabezou o escitor Teixeira de Pascoaes no primeiro cuarto do século XX. A base esencial dese movemento foi a saudade que Rosalía “encarou coma ninguén, co sentimento común a galegos e portugueses", dixo, citando a Ramón Piñeiro.
“Foi un símbolo de identidade propia", para os galegos e galegas que ao longo de case dous séculos tiveron en Rosalía de Castro a súa principal referencia cultural, afirmou o xefe do Lexislativo autonómico
Na súa intervención, lembrou que foi unha das persoas máis destacadas no desenvolvemento dese movemento “que marcaría un antes e un despois na literatura galega e nas artes da península en xeral", así como no xermolar do sentimento galeguista. “Puxo voz, por vez primeira, á alma dos galegos e galegas que ata entón permanecían mudos", afirmou.
Santalices lembrou que a través da literatura galega, que utiliza unha lingua intercomprensible co portugués, afianzouse o irmandamento entre os dous pobos “unidos por vínculos seculares que nas últimas décadas estamos a reforzar desde todos os ámbitos".
Lusofonía
Neste sentido, citou a Lei Valentín Paz- Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía que aprobou o Parlamento de Galicia en 2014, como exemplo da obriga dos poderes públicos a promoveren o coñecemento da lingua portuguesa e das culturas lusófonas para afondar nos vencellos históricos que unen os nosos territorios.
O xefe do Lexislativo autonómico citou á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como o froito das coetáneas transicións democráticas de ámbolos dous países, e da emerxencia dos poderes rexionais que se viviu desde os anos sesenta e que facilitaron o nacemento dese espazo común de colaboración por riba das fronteiras administrativas. “O balance destas décadas de achegamento e de cooperación está á vista de todos e debe servir de aliciente para continuar avanzando", defendeu.