DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA NO DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE
Hoxe, 3 de decembro, conmemoramos e celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Un día no que o pleno do Parlamento de Galicia quere unanimemente reafirmar o seu compromiso de garantir os dereitos das persoas con discapacidade. Este compromiso debe ser unha prioridade para todas as administracións públicas e para a sociedade en xeral.
Aínda que temos avanzado moito en materia de dereitos e oportunidades nas últimas décadas, cómpre seguir impulsando accións para garantir un mundo sen barreiras e accesible para todas as persoas con discapacidade.
As institucións, as administracións, o tecido asociativo e todos os estamentos sociais temos a responsabilidade de seguirmos traballando para chegar a ser a sociedade á que aspiramos: unha sociedade acolledora e inclusiva, que endexamais deixe ningunha persoa á marxe.
O Parlamento de Galicia únese á celebración deste día reivindicando un mundo máis xusto, máis igualitario e máis accesible para todos.