saltar ao contido

Acordos aprobados na reunión da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 18 de febreiro de 2025

A  Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 18 de febreiro de 2025, adoptou os seguintes acordos:

 

Procedementos de control e impulso

Proposición non de lei en Comisión

 

Aprobación sen modificacións

 

- 14711 (12/PNC-001437)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Fidalgo Iglesias, Miguel e 9 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co fin de definir a postura de España en materia de comercialización de produtos pesqueiros ante as negociacións do acordo de libre comercio da Unión Europea con Tailandia

BOPG n.º 123, do 27.11.2024

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 14 votos a favor, 2 votos en contra e 0 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que defenda ante a Comisión Europea:

1.- A exclusión total do atún do Acordo de Libre Comercio con Tailandia e, por tanto, do proceso de liberalización arancelaria. Adquirindo o Goberno de España un compromiso firme e activo con esta posición, liderando a mesma en Europa como unha liña vermella a non traspasar.

2.- O establecemento de normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións entre Tailandia e a Unión Europea que evite a competencia desleal en todos os produtos pesqueiros."

 

- 14832 (12/PNC-001448)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Fidalgo Iglesias, Miguel e 8 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central no que atinxe á cobertura sanitaria en Galicia do Instituto Social da Mariña

BOPG n.º 127, do 04.12.2024

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 14 votos a favor, 2 votos en contra e 0 abstencións.

 

 

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España, para demandar:

1. Contratar de xeito urxente o persoal necesario para cubrir as necesidades dos centros de atención dos mariñeiros da Comunidade Autónoma de competencia do Instituto Social da Mariña (ISM).

2. Dotar ao ISM dos medios materiais e tecnolóxicos necesarios para axilizar os recoñecementos médicos a realizar en Galicia.

3. Establecer un plan de continxencia que permita atender inmediatamente as necesidades dos mariñeiros mentres se realizan as contratacións e melloras necesarias citadas nos puntos anteriores.

4. Impulsar convenios de colaboración con outras institucións sanitarias para garantir a cobertura médica dos mariñeiros en caso de saturación do ISM."

 

Aprobación por unanimidade sen modificacións

 

- 18876 (12/PNC-001729)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Pérez Fernández, Rosana e 4 máis

Sobre as accións que debe levar a cabo o Goberno galego ante a posibilidade de que a Comisión Europea inclúa a anguía no apéndice I do convenio internacional CITES

BOPG n.º 153f1, do 06.02.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galiza insta á Xunta de Galiza a

. Remitir os seus informes supostamente positivos sobre o estado da poboación da anguía en Galiza aos grupos parlamentarios da Cámara e a facelos valer diante do goberno español e da Comisión Europea co obxecto de evitar novas medidas gravosas para a frota galega.

. Reclamar ao goberno do Estado e á UE todos os informes científicos nos que se basearía a proposta da inclusión da anguía no apéndice I de CITES, así como a planificación e aprobación das medidas necesarias para paliar a situación económica e social á que se pode ver abocada a frota galega desa especie no caso de se aprobar definitivamente no mes de novembro.

. Avanzar na súa propia planificación de medidas a levar a cabo para atender os posíbeis prexuízos socioeconómicos que pode conlevar a inclusión da anguía no apéndice I de CITES."

​ 



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina