A Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, na súa sesión do 20 de febreiro de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 1820 (12/PNC-000222)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Fernández Alfonzo, Ramón Tomás e 2 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación coa proposta de regulamento de desenvolvemento da Lei 21/2022, do 19 de outubro, de creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto
BOPG n.º 16f2, do 24.04.2024
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 14 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galiza insta a Xunta a que promova as actuacións necesarias para modificar a proposta do goberno estatal de Regulamento de desenvolvimento da Lei 21/2022 de creación dun Fondo de compensación para as vítimas do amianto, nos seguintes termos:
1. Ampliar as patoloxías do anexo I incluíndo o cancro de útero, a fibrose, as placas pleurais e a asbestose sen repercusión
2. Ampliar as patoloxías para ser persoa beneficiaria pola vía do artigo 3.c) a todas as do anexo I reformado, así como eliminar o requisito de estar inscrita no RETEA
3. Dotar ao Fondo dunha estrutura descentralizada resolvéndose as solicitudes o Fondo desde organismos de carácter provincial
4. Establecer que a Xurisdición social será a competente para coñecer en vía xudicial dos recursos presentados contra as resolucións do Fondo así como de calquera outro asunto relacionado
5. Constituiranse comisións de seguimento a nivel autonómico con idéntica composición que a comisión estatal mais reservando 4 dos 8 postos adxudicados á administración xeral do estado para a administración autonómica, que así mesmo nomeará ás persoas representantes da comunidade científica. A representación das organizacións patronais e sindicais entenderanse referidas ao ámbito autonómico correspondente, e os postos reservados para a Federación de vítimas entenderase a a favor das asociacións de vítimas con máis implantación no territorio da Comunidade autónoma. Estas comisións poderán realizar funcións de intermediación previa á vía xudicial, elaboración de memorias, informes ou recomendacións, e dotaranse dun regulamento de funcionamento propio.
6. As compensacións económicas calcularanse como promedio do que veñen
decretando os xulgados e tribunais para cada unha das patoloxías nos últimos 24 meses antes da entrada en vigor do regulamento
7. Unha mesma persoa poderá ser beneficiaria de máis de unha compensación en función dos criterios xudiciais vixentes a este respeito
8. As compensacións económicas percibidas polas persoas beneficiarias estarán exentas de tributación
9. A resolución favorábel da solicitude por parte do Fondo dará lugar ao dereito ao recargo de prestacións.
Adoptar as medidas orzamentarias necesarias para dotar ao Fondo de Vítimas do Amianto dos recursos para o cumprimento da Lei 21/2022."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 13447 (12/PNC-001283)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Iglesias Rey, Patricia e 2 máis
Sobre as accións que o Goberno galego debe pór en marcha co obxectivo de promocionar nas contratacións públicas a economía de proximidade e o consumo de produtos locais
BOPG n.º 106f1, do 23.10.2024
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Que aprobe no 2025 unha estratexia de contratación pública, para que entre outros obxectivos, se recolla especificamente o de fomentar a economía de proximidade e o consumo de produto local galego nas contratacións públicas das diferentes entidades do sector público autonómico (hospitais, escolas infantís, colexios, residencias de maiores), para así contribuír á transición enerxética e redución do uso de combustibles fósiles.
2. Nas contratacións públicas de servizos de comedor, catering ou cafeterías que se liciten polas entidades do sector público autonómico galego, deberá recollerse como criterio de adxudicación ou como condición especial de execución, cláusulas que favorezan o sinalado no punto anterior como relacionadas coa pegada de carbono ou calidade da prestación na medida en que a compra de productos de proximidade reduce a pegada de carbono e o impacto ambiental de determinadas compras."