A Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 21 de febreiro de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 19502 (12/PNC-001796)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García González, Patricia e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central en relación co Plan Moves e outras medidas relacionadas co impulso das infraestruturas para a mobilidade eléctrica
BOPG n.º 156f2, do 12.02.2025
Sométese a votación separada por puntos:
Punto 1: resulta aprobado por 15 votos a favor, 2 votos en contra e 0 abstencións.
Puntos 2, 3 e 4 (punto 4 emenda do G.P. do Bloque Nacionalista Galego, doc. núm. 20590): resultan aprobados pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para solicitarlle:
1. A elaboración dun novo programa Moves de xestión unificada, que incorpore o desconto directo en factura. O novo Programa Moves seguirá fomentando a longo prazo unha mobilidade de 0 emisións pero, tendo en conta o momento crítico no que se atopa o sector e nun proceso de transición progresivo, apoiará outras tecnoloxías, incluídos os motores de combustión, en función do nivel de emisións de gases.
2. A simplificación dos trámites administrativos para impulsar o despregamento das infraestruturas de recarga.
3. A creación dun Plan Moves Recarga para facilitar o desenvolvemento das infraestruturas de recarga nas zonas que non contan coa cobertura necesaria.
4. A inclusión de vehículos ciclomotores dentro dos subvencionables."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 1681 (12/PNC-000199)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Golpe Acuña, José Manuel e 2 máis
Sobre a proposta que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central no referido á regulación das comunidades enerxéticas de base cidadá
BOPG n.º 16f2, do 24.04.2024
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta a trasladar ao goberno estatal unha proposta de regulación das comunidades enerxéticas de base cidadá, especialmente as radicadas no ámbito rural que dea a resposta ás demandas expresadas na exposición de motivos, e que recoñeza, cando así o soliciten, ás comunidades de montes veciñais en man común como comunidades enerxéticas de pleno dereito segundo o disposto nos artigos 12 bis e seguintes da Lei24/2013."