saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento contra da violencia no deporte

 ​

O acontecido o pasado 15 de decembro no pavillón de Vilalonga merece toda a nosa repulsa e a solidariedade coas amizades e familiares da vítimaA agresión que causou a morte de Andrés Rico, un afeccionado que ía ver arbitrar ao seu neto, é un  comportamento que mostra o lado mais escuro do noso deporte que non se debe, que non se pode, volver repetir baixo ningún concepto.

 

Este manifesto institucional en contra da violencia lese esta fin de semana en todos os campos, estadios e pavillóns de Galicia. É un manifesto difundido polas 59 federacións de Galicia aos preto de 7.000 clubs rexistrados en Galicia que conta coa vontade de lembrar a urxencia de que todos, absolutamente todos, os implicados no deporte galego, debemos actuar de forma firme e unida ante a violencia.

 

En Galicia contamos con 300.000 persoas que fan deporte de xeito federado. Unha de cada tres desas licenzas deportivas corresponden a un rapaz ou unha rapaza de entre 6 e 16 anos. Que a cativada faga deporte dende as idades máis temperás converterá as nenas e os nenos en persoas adultas activas e saudables no día de mañá, tanto física como psicoloxicamente. Que isto suceda depende das mensaxes que transmitamos dende o deporte. As afeccións debemos ser as primeiras en dar exemplo á mocidade para que vexan no deporte un espazo de comuñón e amizade, non de separación e odio.

 

O deporte é moito máis que unha actividade física. O deporte é un instrumento social, un lugar de encontro, un mecanismo de evasión, unha fonte de saúde, unha terapia psicolóxica e, para moitas persoas, un medio de vida. Dende o Parlamento de Galicia cremos nun deporte plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, xerador de noticias, formador, igualador, motor de cambio social e tamén axente económico determinante.

 

 

Para acadarmos este deporte, resulta imprescindible que eliminemos calquera manifestación da violencia.

 

As administracións e as entidades responsables da xestión do deporte reforzaremos a nosa atención e os nosos mecanismos ante a violencia, mais  a repulsa e a condena ante esta lacra debe ser unánime.

 

A loita contra a violencia é un partido que xogamos todos.

 

E desde o Parlamento de Galicia sumámonos a todas aquelas iniciativas que avoguen pola eliminación de calquera forma de violencia en todos os ámbitos sociais e hoxe, nomeadamente, no deporte.

 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina