3.2 20149(12/MOC-000048) Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Longueira Castro, Silvia
Sobre as estratexias do Goberno galego para a defensa e promoción da lingua galega
Moción consecuencia da Interpelación doc. núm. 4468, publicada no BOPG núm. 31f1, do 29 de maio de 2024, e debatida na sesión plenaria do 11 de febreiro de 2025.
O texto aprobado é o seguinte:
1. Realizar un libro branco da lingua galega no que participen as entidades de protección da mesma, Real Academia Galega e Consello da Cultura Galega, así como aquelas que traballan encol da lingua de xeito directo como: editoriais, tradutores, escritores, guionistas, músicos, profesores, plataformas de defensa da lingua, entidades representativas da lusofonía, etc.
2. Promover un acordo social e político que comprometa ás forzas políticas do Parlamento de Galicia a cumprir co especificado no artigo 3 da Constitución Española; apartados 2 e 3 onde di:
“2. Las demás lenguas españolas serán también oficiales en las respectivas Comunidades Autónomas de acuerdo con sus Estatutos.
3. La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección."
Toda vez que parece insuficiente que no artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia recoñécese o galego como lingua propia de Galicia e garántese o uso oficial e o seu fomento.
Asemade, o acordo tamén acatará o asinado, xa no ano 2001, na Carta Europea das Linguas Minoritarias onde di:
“Recoñecemento e promoción: Establece que as linguas minoritarias son unha expresión da riqueza cultural de Europa e deben ser protexidas. Uso na vida pública e oficial: Defende o uso destas linguas na administración, nos tribunais, nos medios de comunicación, na cultura, na
educación e na economía. Dereito a aprender e usar a lingua: Promove a educación en e sobre as linguas minoritarias, garantindo a súa transmisión xeracional. Compromiso dos estados: Obriga aos estados asinantes a tomar medidas concretas para garantir a protección e desenvolvemento destas linguas."
3. Presentar ante esta cámara, antes de que finalice este período de sesións, as medidas de urxencia que se levan e se levarán a cabo, desde a Xunta de Galicia, coa fin de actuar coma dique de contención ante a caída libre do uso do galego.
4. Presentar ante esta cámara, antes de que finalice este período de sesións, o plan de traballo pormenorizado que van a levar a cabo nas 11 comisións creadas pola Consellería de Cultura, reunidas por primeira vez o 12 de febreiro deste ano, co motivo de traballar un escenario para un novo plan de normalización lingüística.