Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 25 de marzo de 2025
4.1 2945(12/PNP-000332) Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pomar Tojo, Carmen María e 3 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación coa autoestrada AP-9
Publicación da iniciativa, 22f1, 08.05.2024
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que faga efectiva as seguintes demandas:
1º- Impulsar todas as iniciativas políticas e executivas que sexan precisas para culminar o proceso de transferencia da titularidade e competencias sobre a AP9, de conformidade coa proposición non de Lei aprobada polo Parlamento de Galicia o pasado mes de decembro e que se tramita ante o Congreso dos Deputados
2º- Implantar con carácter inmediato e con independencia do proceso anterior, a gratuidade das peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53, as máis caras de España, en cumprimento do compromiso adquirido polas formacións políticas que sustentan o Goberno de Pedro Sánchez no último proceso electoral".
4.2 11056(12/PNP-000917)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia Rodríguez Martínez, Roberto e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central co obxecto de que atenda as solicitudes de información e reunión realizadas polo executivo galego en relación coa autoestrada AP-9
Publicación da iniciativa, 87, 19.09.2024
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España que remita a información solicitada sobre o posicionamento do Goberno central fronte aos requirementos da Comisión Europea e que atenda ás solicitudes de información e reunión solicitadas pola Xunta de Galicia ao Ministerio de Transportes".
4.5 20584 (12/PNP-001652) Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Castro Rey, Paloma e Iglesias Rey, Patricia
Sobre as medidas que o Goberno galego debe pór en marcha dirixidas a promover as boas condutas e previr a violencia no deporte
Publicación da iniciativa, 162f1, 26.02.2025
O texto aprobado é o seguinte:
O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
1. Seguir impulsando campañas de prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportivo, e distribuílas en todo o territorio para que estean visibles nos lugares habilitados para a práctica deportiva.
2. Seguir impulsando un protocolo de boas condutas e así proporcionar ás entidades deportivas galegas e ás persoas organizadoras de competicións deportivas os datos e os consellos que poidan facilitar a prevención da violencia.
3. Seguir intensificando as competencias sancionadoras, iniciando de oficio pola Comisión Galega de Control da Violencia, na ausencia de denuncia, todos aqueles procedementos dos que teña coñecemento e que atenten contra as boas prácticas en materia deportiva.
4. Seguir facilitando mecanismos para que a cidadanía poida por vía electrónica achegar facilmente á Comisión Galega de Control da Violencia, todas as denuncias de situacións de violencia ou contrarias ás normas que se produzan en eventos ou competicións deportivas.
5. Dar traslado aos concellos galegos, en particular ás concellerías de Deporte, e clubs federados de Galicia, dos mecanismos sancionadores e de todas as medidas de intervención e protección previstas nos protocolos existentes dirixidas á prevención da violencia no deporte