O Parlamento recibe aos representantes das universidades europeas que participan na VIII Asamblea de EUniWell
Santiago, 5 de maio de 2025.- O presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, deulles a benvida esta tarde aos integrantes da VIII Asamblea de reitores e reitoras de EUniWell (European University for Well-Being, a Universidade Europea para o Benestar), na que se integran once universidades, entre elas a de Santiago de Compostela.
Trátase dunha alianza universitaria europea que busca mellorar o benestar da sociedade en xeral a través da educación, programas de investigación e a innovación, tendo sempre en mente o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible.
Na súa intervención, Santalices sinalou que este tipo de iniciativas vinculadas á educación superior permiten reforzar os lazos entre países europeos. Tamén quixo destacar o vínculo histórico que existe entre Santiago e Europa a través da Ruta Xacobea, o que promove “a diversidade cultural e o multilingüismo".
Para o xefe do Lexislativo autonómico, a colaboración das distintas administración e entidades internacionais é chave para facer fronte aos desafíos locais e globais que afectan ao benestar e á unidade de Europa.
Nesta xornada participaron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o reitor de Santiago de Compostela, Antonio López, a directora de Desenvolvemento de EUniWell, Beatrix Busse, e os representantes das universidades de Colonia, Florencia, Inalco, Constanza, Linneo, Murcia, Nantes, Santiago de Compostela, Semmelweis, a Universidade Nacional Taras Shevchenko de Kiev e a Universidade Médica de Varsovia.
Saúdos, Gabinete de Comunicación