Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 20 de maio de 2025
3.4 22056 (12/PNP-001771) Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Martínez, Roberto e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe trasladar á Mesa do Congreso dos Deputados co obxectivo de que permita o avance da tramitación da proposición de lei orgánica relativa á transferencia a Galicia da AP-9
Publicación da iniciativa, 179f1, 26.03.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse á Mesa do Congreso para que poña fin á actitude obstrucionista e permita avanzar na tramitación final ante o Pleno da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 á Comunidade galega, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia".
3.6 22920 (12/PNP-001861) Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Trenor López, Gonzalo e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao
Goberno central en relación coa mellora dos servizos ferroviarios en Galicia
Publicación da iniciativa, 185f1, 09.04.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e trasladarlle as seguintes demandas:
1º- Repoñer de xeito inmediato, e sen máis dilación, todas as frecuencias ferroviarias suprimidas durante a pandemia e que aínda non se teñen recuperado, para favorecer así a mellora dos servizos ferroviarios en Galicia.
2º- Elaborar un plan de continxencia que avalíe as causas e posibles solucións ante as frecuentes incidencias que sofren os usuarios do tren en Galicia, tanto nas conexión interiores como nas liñas de media distancia, e garantir deste xeito o cumprimento dos tempos de viaxe e dos horarios.
3º- Adoptar cantas medidas sexan necesarias para planificar os investimentos e obras precisas para dotar ás cidades de Lugo e de Ferrol de alta velocidade e, polo tanto, que as súas estacións tamén reciban trens AVE.
4º- Cesar na discriminación que para Galicia supón as diferentes políticas de venda anticipada de Renfe, de tal xeito que tamén os usuarios galegos poidan adquirir billetes en prazo superior aos catro meses de antelación, o que facilita a planificación das viaxes e o acceso a prezos máis competitivos".