saltar ao contido

Acordos aprobados na reunión da Comisión 1ª, Institucional, Administración Xeral, Xustiza e Interior celebrada o 22 de maio de 2025

​A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 22 de maio de 2025, adoptou os seguintes acordos:

 

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación sen modificacións

 

- 23838 (12/PNC-002187)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Fernández Rosende, Jesús María e 8 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación coas condicións das forzas e corpos de seguridade do Estado

BOPG n.º 188f1, do 16.04.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 6 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia, a dirixirse ao Goberno de España para que:

 

1º- Aprobe a declaración de profesión de risco e a correspondente xubilación anticipada para os membros da Garda Civil e da Policía Nacional independentemente de que pertenzan ao réxime de clases pasivas ou ao réxime xeral.

 

2º- Culmine o proceso de equiparación salarial das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (FCSE) có resto de corpos de Policía Autonómica.

 

3º- Que o goberno proceda á actualización do catálogo de postos de traballo das FCSE ,que está obsoleto e sen revisar dende hai máis dunha década, e proceda a cubrir todas as vacantes e especialidades.

 

4º- Que o Goberno estude a modificación da lexislación vixente para deixar fóra da aplicación do código penal militar, os feitos da Garda Civil que se produzan fóra do ámbito laboral.


5º- Cumpra o artigo 14.1 da Lei orgánica 2/1986, dotando ás FCSE dos medios necesarios para garantir tanto o cumprimento das súas funcións de seguridade como a protección da súa integridade física e, en particular:

 

a) Proporcione a todos os axentes da FCSE cámaras persoais para garantir a súa seguridade, integridade física, recoller probas e previr abusos.

 

b) Facilite canto antes os materiais necesarios para o exercicio da súa profesión (chalecos antibalas, esposas de seguridade, cintos de ancoraxe, sprays defensivos, fundas antirroubo para armas curtas, defensas extensibles, etc.)

 

c) Realice unha auditoría pública e anual dos recursos materiais asignados á FCSE, co obxectivo de garantir que os recursos non só sexan suficientes e eficaces, senón tamén que estean ben xestionados, cumprindo prazos que non se prolongan no tempo.

 

d) Proporcione dispositivos Táser a todos os axentes de servizo na rúa.

 

e) Rehabilite as instalacións que actualmente se atopan en peores condicións, así como renove aqueles vehículos de servizo dos distintos organismos e dependencias que o requiran.

 

e) Proceder a un novo sistema actualizado de dietas separado do resto dos funcionarios da Administración Xeral do Estado, debido a propia especialidade do traballo que desempeñan, e que supoña un incremento das retribucións en concepto de dietas."


Aprobación por unanimidade sen modificacións

 

- 24258 (12/PNC-002229)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Mouzo Mas, Paula e 7 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central relacionadas co obxectivo de mellorar as condicións da loita contra o narcotráfico en Galicia

BOPG n.º 192f1, do 30.04.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e trasladarlle as seguintes demandas:

1º.- Establecer unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na ría de Camariñas (A Coruña), co fin de reforzar a loita contra o narcotráfico.

 

2º.- Modernizar e reforzar os medios materiais e tecnolóxicos do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia, dotándoa de embarcacións máis potentes e manobrables, equipadas coa tecnoloxía necesaria para interceptar narcolanchas e garantir a eficacia das operacións no litoral galego.

 

3º.- Ampliar a dotación de medios persoais e materiais empregados polo goberno na loita contra o narcotráfico no litoral da provincia da Coruña e en toda a costa galega, xa que os actuais están inoperativos ou son absolutamente inadecuados  ao reto ao que se enfrontan.

4º.- Garantir a plena operatividade horaria do persoal do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia de tal xeito que non volva a acontecer que condicionantes económicos ou a negativa a abonar horas extra comprometa a execución de operacións contra o narcotráfico ou outras vinculadas as actividades deste servizo.

 

5º.- Garantir unha distribución equitativa e proporcionada dos medios materiais do Servizo de Vixilancia Aduaneira no conxunto das súas bases e nas distintas comunidades, de tal xeito que non se dea prioridade a determinados territorios por razóns espurias".​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina