saltar ao contido

Acordos aprobados na reunión da Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, celebrada o 19 de xuño do 2025

A  Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 19 de xuño de 2025, adoptou os seguintes acordos:

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en comisión

 

Aprobación sen modificacións

 

- 2477 (12/PNC-000320)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pomar Tojo, Carmen María e seis deputados/as máis

Sobre as reformas lexislativas que a Xunta de Galicia debe demandar ao Goberno central co obxectivo de frear o fenómeno da ocupación ilegal de vivendas

BOPG nº 20f2, do 02.05.2024

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que impulse as necesarias reformas lexislativas que axuden a poñer freo ao fenómeno da ocupación de vivendas e, en particular:

 

1º. Modificar as normas penais e procesuais vixentes para endurecer as penas por ocupación da vivenda ou inmobles (especialmente no caso de mafias), e para mellorar a protección das propietarias lexítimas dunha vivenda, habilitando mecanismos de desaloxo en 24 horas por parte da policía, en situacións de flagrante delito.

 

2º. Evitar a inscrición no padrón municipal dun «ocupante ilegal», conforme a definición que desta figura ofrece a Lei orgánica contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios; así como solicitar que esta inscrición se considere nula e non constitúa proba da súa residencia ou domicilio nin se lles atribúa ningún dereito. Para tales efectos, os concellos darán de baixa de oficio ou por instancia do propietario ou posuidor real lexítimo as inscricións en canto tiveren coñecemento diso.

 

3º. Modificar a lexislación tributaria para a redución de obrigacións contributivas de arrendadores que xustifiquen a non percepción de rendas.»

 

- 25609 (12/PNC-002374)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Fidalgo Iglesias, Miguel e once deputados/as máis

Sobre as demandas que o Goberno galego debe dirixir ao Concello de Vigo en relación coa xestión e co mantemento das praias do seu concello

BOPG nº 200f1, do 20.05.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Concello de Vigo facer autocrítica e asumir as súas responsabilidades na xestión das praias, así como desenvolver cantas accións sexan precisas para acadar os estándares de calidade nas augas que permitan mellorar a calidade destas neste areal, abandonando a confrontación e apostando polo diálogo e a cooperación institucional.»

 

Aprobación por unanimidade con modificacións

 

- 24405 (12/PNC-002244)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Abalde Alonso, Julio Ernesto e López Font, Carlos

Sobre a demanda á Xunta de Galicia dunha mellora da seguranza viaria na estrada AC-173 no tramo que atravesa o núcleo do Couto, no concello de Oleiros

BOPG nº 193f2, do 02.05.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a coordinarse co Concello de Oleiros para mellorar a seguranza viaria da estrada autonómica AC-173 no Couto, de acordo coas solucións propostas polos técnicos de ambas as institucións.»​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina