saltar ao contido

Acordos aprobados na reunión da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, celebrada o 27 de xuño de 2025

A  Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 27 de xuño de 2025, adoptou os seguintes acordos:

 

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación por unanimidade con modificacións

 

- 26271 (12/PNC-002447)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Viso Diéguez, Miguel Ángel e 8 máis

Sobre a demanda dirixida ao Goberno galego para que impulse medidas de consolidación da nosa comunidade como potencia produtora e comercializadora de organismos para a loita biolóxica

BOPG n.º 203f1, do 28.05.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar a nosa comunidade como referente na loita biolóxica contra o Psílido Africano dos cítricos en particular e, por extensión, como rexión produtora e comercializadora de axentes invertebrados de control biolóxico en xeral.

 

Así mesmo, o Parlamento insta a Xunta de Galicia a reforzar a capacidade pública de diagnóstico, seguemento e resposta fronte a pragas vexetais dotadas cos medios suficientes, introducindo unha liña de investigación CIAM-LAFIGA en fitopatoloxía, a actualización da cartografía de pragas de corentena e non corentena con maior impacto agrario en Galicia, así como a incorporación de criterios de coordinación con outras administracións e centros científicos públicos que xa contan con experiencia avanzada na produción de axentes de control biolóxico como o parasitoide Tamarixia dryi, en liña coas actuacións promovidas pola Xunta no marco da proposición non de lei aprobada neste Parlamento en 2021."

 

 

Aprobación por unanimidade sen modificacións

 

- 26275 (12/PNC-002448)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Viso Diéguez, Miguel Ángel e 13 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co obxecto de que este desenvolva un marco fiscal máis equitativo e xusto para a actividade silvícola

BOPG n.º 203f1, do 28.05.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a adoptar as seguintes medidas:

1º.- Maior flexibilidade fiscal no IRPF e no imposto de Sociedades que permita unha mellora da xestión forestal en España.

2º- O desenvolvemento dun plan sectorial contable para o sector forestal que permita acadar o resultado contable da actividade forestal ao real, de xeito que se tribute de forma máis xusta e de acordo coa capacidade de renda xerada, tal como establece a Constitución Española."​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina