saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 9 de xullo de 2025

 

5.3    27318(12/PNP-002206)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Verea Fraiz, Borja e 8 máis

Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno de España co fin de que este apoie a declaración do Xacobeo de 2027 como evento excepcional de interese público (EEIP)

Publicación da iniciativa, 211f1, 18.06.2025

 

O texto aprobado é o seguinte:

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España que apoie a solicitude unánime do Parlamento de Galicia de conceder, canto antes, ao Xacobeo de 2027 a declaración como evento de excepcional interese público (EEIP), que conta xa coa aprobación da Comisión Executiva do Consello Xacobeo e co visto e prace do Ministerio de Cultura. Na mesma liña, instarase o Goberno central para un maior e firme apoio económico ante o próximo “lustro Xacobeo 2027-2032", co fin de ter unha maior presenza nacional e internacional que sirva, como os xacobeos anteriores, para o reforzo turístico da marca España e da marca Galicia.

 

E insta á Xunta a:

a)  Deseñar un mapa territorial por toda a xeografía galega que chegue ao máximo número de concellos e cando menos a todas as comarcas galegas.

b)  Facer unha distribución equitativa e igualitaria das actuación de maior impacto por todo o territorio.

c)  Que o acceso aos distintos eventos sexan en igualdade de condicións."

 

5.6     27778 (12/PNP-002253)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Prado del Río, Paula e 14 máis

Sobre a proposta de resolución que se presenta co fin de rexeitar os comportamentos que se están a producir desde o Goberno de España ante a investigación por corrupción que afecta o PSOE e as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Executivo central ao respecto

Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, 214f1, 25.06.2025

 

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia acorda como Resolución:

1º- Amosar o seu rexeitamento expreso á corrupción instalada no seno do PSOE, no Goberno de España e na contorna persoal e política máis próximo ao presidente Pedro Sánchez.

 

2º- Condenar as acusacións realizadas polos membros do Goberno de España e os seus socios atacando á Xustiza e xornalistas que están destapando as tramas de corrupción que rodean a Pedro Sánchez.

3º- Reclamar a inmediata depuración de responsabilidades políticas derivadas dos casos de corrupción coñecidos nas últimas datas o que debe levar aos socios do PSOE nas distintas institucións á revisión dos acordos de goberno ou de apoio político. ​

Asemade, ínstase á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que, de xeito urxente, adopte as medidas necesarias para garantir a colaboración activa con todas as instancias xudiciais, parlamentarias e administrativas que investigan posibles irregularidades na súa xestión, así como solicitar desde o Goberno galego ao presidente do Goberno de España a disolución das Cortes e a inmediata convocatoria das eleccións xerais para permitir que os españois, a través do seu voto, abran un novo tempo político."​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina