Santiago, 28 de xullo de 2025. O Parlamento, a través do seu programa de visitas guiadas, recibiu un total de 9.879 persoas desde setembro de 2024 ata xuño deste ano. Como vén sendo habitual nos últimos anos, destacan as 218 visitas con reserva previa, que corresponden ao alumnado de diferentes centros educativos, cun total de 8.804 participantes: 5.007 de educación primaria, 2.048 da secundaria, 841 de bacharelato, 1.227 de formación profesional e 149 das universidades.
Tamén é de salientar as 37 asociacións e outros grupos que decidiron visitar o Pazo do Hórreo, sede da Cámara galega, cunha cifra final de 941 persoas.
En canto ao mes de maior actividade no período sinalado, cómpre destacar marzo, con 2.104 visitantes, seguido de maio, con 1.707. Trátase de meses nos que, no caso dos escolares, se aproveitan estas excursións educativas para aprender conceptos máis alá das aulas.
O Parlamento non só oferta visitas guiadas a grupos organizados, pois tamén están os días de portas abertas para particulares ou grupos, en que non se require cita previa. Nesta modalidade, acudiron 30 persoas en 14 visitas.
Esta iniciativa, enmarcada no programa Coñece o Parlamento, pretende achegar á cidadanía o labor e as funcións que realizan as deputadas e deputados como representantes do pobo galego.
O percorrido das visitas ten unha hora de duración. Nel, os grupos poden coñecer a organización e a historia da institución, ademais de acceder ás dependencias máis solemnes do Pazo do Hórreo como son o Salón dos Reis ou o hemiciclo.
Así mesmo, visítanse as salas de comisión, onde acontece a actividade institucional diaria, e os días de sesión plenaria pódese asistir á tribuna do público.
Ademais, co obxectivo de facilitar o traslado ata Santiago de Compostela, Renfe e o Parlamento de Galicia ofrecen descontos do 40 por cento a grupos organizados que viaxen en tren para visitaren a sede lexislativa galega.